sábado, 14 de septiembre de 2013

TRAVESÍA POR MOMENTOS DA HISTORIA DE BUEU




           A Asociación Ricardo Gómez Buceta está a organizar unhas xornadas sobre tres momentos da historia de Bueu. A este redactor lle correspondeu a honra de presentalas. Comparto as palabras que pronunciei na presentación por se puidesen animar a alguén a asisitir ao resto das xornadas pendentes.

PALABRAS A MODO DE PRESENTACIÓN


Ricardo Gómez Buceta
            Ricardo Gómez Buceta tivo fame e sede de xustiza, unha fame acaso nacida ao tempo que unha acusación inxusta pola que perdeu o seu posto de traballo, unha fame que medrou ata o infinito cando uns criminais remataron coa súa vida, unha fame que non acadou fartura porque, xa morto, sepultaron a súa reposición co argumento de que non acudira ao traballo. Os seus executores encargáronse diso.
  
   Hoxe, unha asociación leva o seu nome, unha asociación para a cultura e para o debate. E na súa honra e para a de todos os que acá e acolá, deste o desoutro pensar, sufriron persecución e morte, van estas charlas.


            Luís Eduardo Aute cantaba: “el pensamiento es estar siempre de paso, de paso”, por iso estas conferencias non reciben tal nome, senón o de travesía, a modo de pequenas pero fondas andainas a través da historia de Bueu. En realidade, estas son travesías, pero sobre todo singraduras, pequenas navegacións.

            Un ser humano non pode navegar toda a mar océana, como non pode transitar o infinito nin abarcar todos os tempos. Así que seleccionamos como se dunha trinidade se tratase (tres períodos, tres épocas, en un único Bueu) tres dos momentos máis salientables da historia da nosa vila: O Bueu romano, Ermelo e a cristianización do Morrazo e a Industrialización de Bueu.

          
Escavacións na zona de Petis/Pescadoira
  Bueu era un pequeno recuncho no finisterre romano, unha marisma que daba ao norte como indica o seu nome no parecer dos que estudaron o sentido do topónimo, e dentro desas lagoas está Pescadoira. Ás veces, os nomes están condenados a palpitar ás claras o seu ser. Quizás por iso Álvaro Otero e Xaime Toxo o teñen tan presente na súa literatura. Nesa pescadoira, onde homes e peixes se atopan, tamén se encontran as civilizacións. Dese fecundo encontro trata a primeira das charlas, a de Fructuoso Díaz García. El relataranos a historia do comercio da salga, a da fabricación de ánforas orixinais, a da conservación de restos, ao seu xeito, únicos. Seguro que coas súas verbas de escoitador de pedras nos fará sentir a vida dos nosos devanceiros e tamén a doutros antepasados de máis ao norte que el tamén coñece ben.

           A segunda conferencia tratará sobre Ermelo, ese lugar ermo, solitario na que Belarmino Barreiro cre ver o “berce do Morrazo, o pai espiritual fundador, a raíz dende a cal se poboaría esta península”. Fermosas e creo que sabias palabras. En España, Galicia non é unha excepción, adoitase desprezar aos estudosos, aos investigadores. Os eruditos reciben comentarios despectivos. Un profesor de crítica literaria díxonos unha vez: “en español erudito es peyorativo como Agapito”, outros menos puerís pero, se cadra, peor intencionados definen ao erudito como “un coleccionista de minucias”. E desa visión nacen os tiros que ao xeito de escopetas recortadas (hoxe, igual que no tempo de Neruda, “los pistoleros se pasean con la cultura occidental en brazos) van acabando coa investigación a base de forzar ao exilio aos investigadores.

            Convén por iso dicir que quen se mergullaron na documentación de Ermelo, nos vellos papeis, se cadra cheos de piolla, non son os causantes do gasto superfluo, senón que nos devolven á vida o nome palpitante dos seres que habitaban noutras épocas ese fermoso lugar solitario, nacemento do único río que nace frade na Fonte Bieita e morre bispo alá na Banda do Río. Regálannos os nomes de Pero Monxe, Martín Pelagio, Martiño Sarmiento....e con eles o nacer e o palpitar da nosa bisbarra.
Museo Massó, restos da salga (foto: Roberto González)
       
 
Pero o Bueu contemporáneo non sería comprensible sen a industrialización, sen a industria da salga que logo derivaría cara a conserva. A paisaxe da nosa infancia está chea de imaxes de mulleres saíndo das fábricas, das chamadas sonoras que se espallaban pola vila...Esa forma de vida era consecuencia do labor de fomentadores, moitos deles foráneos que transformaron os modos de produción e con eles tamén as
mentalidades. Esa será a terceira das nosas singradura.

            Este ciclo non podería ter mellor lugar para celebrarse que este Museo Massó. Dona Covadonga López de Prado como responsable do Museo nos dará logo a benvida pero, sen negarlle o seu poder como depositaria das chaves da casa, seguro que non se molesta se digo que, dalgúns xeito, todos podemos darnos a benvida ao noso lar, ao lume do fogar, os de Bueu porque aquí reside a memoria dunha parte moi significativa da nosa historia e os de fóra porque aquí mora un anaco de cultura, universal por definición.
            Nada máis, agradecervos á Asociación Ricardo Gómez Buceta a oportunidade que me deu de compartir convosco estas palabras, ao Museo Massó por acollernos, unha vez máis no seu interior, a Fructuoso por acudir á nosa chamada e por axudarnos a vernos aínda con máis claridade e a todos vós por asistir  e pola vosa amable escoita.


 INFORMACIÓN  FINAL:

Primeira conferencia: éxito de público (foto: Roberto González)
As conferencias celebraranse no Museo Massó ás 20:30 os seguintes venres:
13 de setembro: O Bueu romano. O forno de ánforas e a salga romana en Pescadoira por Fructuoso Díaz García. Dirección da escavación.
20 de setembro: A cristianización do Morrazo. A importancia do antigo Mosteiro de Ermelo por Pablo S. Otero Piñeyro Maseda e Miguel Romaní Martínez.
27 de setembro: A industrialización de Bueu. A salga e a pesca da sardiña nos s.XVIII e XIX por Arturo Sánchez Cidrás e Xosé Manuel Cerviño Meira.

lunes, 15 de julio de 2013

RESCATE OU DEFINICIÓN DE FLASHBACK

Aos meus pais, por moitas riquezas
que me deron, das que non son menos
as frases do galego do Morrazo que me 
transmitiron mesmo nos momentos en 
que todo parecía intranscendente.

Aos meus irmáns: 
Teri, Manolo, Elena (in memoriam),
Javi, Víctor e Laura  por todo o que lles debo.

Aos meus sobriños Daniel, Carmen e Martiño
por tantos momentos de felicidade.

Ao meu cuñado Ramón Villar para que logo nos dea
unha grande alegría.

A miña veciña Ana, sempre tan amable.

A todos os protagonistas próximos desta historia.
            
A Isabel Armesto e Marisú Lecea
polos seus ánimos para escribir esta entrada.

           Sempre precisei buscarlle unha explicación lóxica aos acontecementos, unha razón interna aos sucesos. Sei que moitos darwinianos falan da importancia do azar na evolución das especies pero imaxinades escribir unha novela negra baseada no chou? O protagonista nunca podería dicir que non cre nas casualidades e, sen esa frase, non hai novela policial de xeito. Non, a existencia humana semella un relato co seu misterio, cos seus malvados e todo iso.
Martiño  moito antes da cachiza

            Ao principio pensei que era cousa da envexa do Martiño. O Martiño é o meu sobriño predilecto. Certamente non me fai moito caso. En realidade só se ocupa de min cando me sento no sofá coa intención de durmir a sesta. Daquela espértalle o espírito das praderías, sente a chamada de Manitú e dime: “voute atacar”. Sen esperar as negociacións de paz, sube polo brazo do asento e lánzase sobre o meu pescozo como se fose un indio das películas do oeste. É o momento en que o meu sopor remata nun instante. Agárroo, tómboo e fágolle cóxegas ata que ri como un perdido, expresión que adoita empregar a miña nai cando un ri a gargalladas, moi distinto de rir coma un zafado. Cando cansa empeza a berrar: “para, para...” e daquela soño, inxenuo, con que me deixe durmir. Cando se ve libre, volve a carga máis teimudo que o xeneral Custer. De novo sube sixilosamente e volve atentar contra as miñas cervicais. Desta volta agárroo de novo, tómboo e cómolle as pernas, máis que nada por facerlle caso á súa avoa que, cando quería comer pan antes do xantar, dicíame que se tiña fame rillase unha perna; logo, cómolle as fazulas e é, nese momento, en que volve suplicar: “para, para...”, a súa petición de armisticio, e de novo penso no bo que sería durmir uns minutos. Aínda en liberdade vixiada, volve atacarme e como son moi coidadoso coa tradición, a miña nai sempre di que fago del un pandeiro, empezo a cantar aquilo de “toca o pandeiro Manuel e que non falte alegría”, mentres fago percusión co seu corpo e el volve rir sen parar e eu aparco para sempre a soneca dese día.

            O Daniel, en cambio, non é o meu sobriño predilecto, é o meu sobriño favorito. Cando era neno 
Daniel nos tempos de saber e gañar
escribinlle un conto e non quixo nin oílo así que imaxinádeo agora de adolescente, nin caso me fai. Houbo un tempo en que o durmía despois do xantar. Collíao nos brazos e arrolábao ata que quedaba durmido, polo medio víamos “Más deporte” coa precaución de taparlle os ollos se aparecía na pantalla algún equipo italiano practicando o catenaccio; había que evitar pesadelos. Se se portaba mal, nunca o ameazaba co Coco senón con Álvarez Cascos, era máis eficaz. Aínda agora imaxino a Álvarez Cascos disfrazado de ogro coa cara esborranchada con fiíños de plastilina do Prestige, coa medalla Castelao toda relucente no peito e unha escopeta de cazar elefantes en Escocia na man. O caso é que tamén víamos “Saber e ganar” o programa da 2. Mentres o Daniel empezaba a durmir, eu contestaba ás preguntas do concurso. Un día o Daniel estaba durmido e ao Jordi Hurtado deulle por preguntar: “de quen era o can que non tiña rabo?”. Daquela, o Daniel fuxido coma un lóstrego dos brazos de Morfeo, empezou a berrar: “ De San Roque!, De San Roque!”. Era o seu amencer cultural.

           
Carmen moito antes dos sudokus
Carmen non é o meu sobriño predilecto, nin tampouco o meu sobriño favorito, é a miña sobriña favorita. Tampouco me fai caso agás cando xoga ás escolas e me manda sentar e facer os deberes. Sempre acabo no despacho de dirección e iso que son aplicado e obediente. Con todo Carmen é unha boa influenza para min. Se dentro duns anos consigo burlar a un alemán cruel non será polas virtudes terapéuticas do xadrez, non e non, senón polos encrucillados e os sudokus. Se cadra pensades que resolvo encrucillados e sudokus por aquilo da dieta saudable, pero  non, resólvoos porque é o único xeito de que a Carmen me dea un bico, un por pasatempo resolto. E crédeme iso é un grande éxito.

            A Daniel, a Carmen e a Martiño non lles importa moito ser o meu sobriño favorito, a miña sobriña favorita e o meu sobriño predilecto pero a min séntame de marabilla, doume conta das miñas capacidades para o igualitario.

           
Martiño recollendo un premio da cachiza co Manolo ao seu carón
Volvamos ao rego que xa me desviei demasiado. Eu botáballe a culpa á envexa do Martiño. Ao Martiño dálle por xogar á cachiza e a min a cachiza paréceme un xogo moi difícil: levantar un pau chamado cachiza para golpealo con outro chamado peteiro e metelo, nos menos golpes posibles nunha sorte de portería. Paréceme tan complexo como sempre me pareceu o béisbol. De aí que cando me vin como Steve MacQueen en A grande evasión, achaquei os feitos a este mal sentimento.

            Mais definitivamente non foi por iso, a culpa foi do Rodrigo Rato. Xa sei que estaredes a pensar que lles teño manía aos do PP, pero non, a min o exministro cáeme ben. A ver por que raios en Galicia pode haber un Bloque e en Madrid non se pode facer política do ladrillo? Sexamos serios, un levanta unha casa con bloques e non pasa de ghalpón, nin a galpón chega, agora, colles un ladrillo e por menos de nada levantas un cigurats mesopotámico. Non hai punto de comparación. Ademais don Rodrigo conseguiu o soño de calquera antisistema: acabar cun banco do IBEX en nadiña, nun suspiro. Nada, non me veñan con contos. A min o que me apetece é rodar un western con Rodrigo Rato ao estilo de Jesse James cun toque robinhoodiano pero do revés, así transgresor. E que me din do romanticismo, que? A ver que de nós pode darlle coa porta nos fociños ao FMI por amor ao próximo, quero dicir, por amor á próxima. Como che son moi devoto da economía de mercado, cando Robin Rato fichou pola telefónica, cambiei de compañía. Teño tanta fe nese home que estou seguro de que o vai conseguir o obxectivo de fundila.

            Era un sábado pola tarde, estaba tombado no sofá lendo unha noveliña do Coetzee mais como son pan adicto, notei que era hora de ir mercar unha boliña. Normalmente baixo polas escaleira e levo o teléfono móbil comigo. O do teléfono é por se chama Deus ou a rapaza guapa que coñecín hai un tempo. A Deus e a rapaza guapa acabas por velos en todas partes pero chamar, o que se di chamar, non chaman e menos canto ti tes gañas de ter unha conversa con eles. Non lles gusta o teléfono e non hai forma. Porque quen leva o teléfono para soportar ao pesado que chama cando non debe, ou á teleoperadora do momento? Un quere recibir as chamadas máis esperadas: as inesperadas. Pois desta vez, deixeino na casa. A chamada do pan, debeu ser. Do pan ou do panteísmo ou da pantomima ou das pandeiretas, que sei eu... En fin que saín pola porta cos cartos e coas chaves, metinme no ascensor e, como por casualidade, esas nas que non creo, velaí que anda medio piso e queda parado. Deste xeito alá me vexo eu como José Luís López Vázquez en La cabina aquela curtametraxe de Antonio Mercero con guión de José Luís Garci. Cambias de compañía telefónica e acabas atrapado na cabina, na cabina do ascensor. A realidade, xa o dicía o Galeano, é a mellor metáfora de si mesma.

            Unha vez atrapado, o primeiro en que pensa un é que haberá alguén que lle poida botar unha man e iso que o meu amigo Aldao temo advertido centos de veces: “se te caes a primeira man que te vai axudar é a que tes no extremo do teu brazo”. Pero un cre na humanidade, así que comecei a tocar o timbre de alarma pero ninguén se alarmou. Non, non pensen, non é que viva rodeado de insolidarios senón que simplemente non había ninguén no edificio. Se cadra a humanidade non é insolidaria, é inexistente.

            Eu estaba tranquilo, moi tranquilo. Para que está a fe máis importante de todas, a fe no capitalismo, no funcionamento perfecto do libre mercado, na eficacia das empresas privadas e mesmo das privatizadas?

            Non levara o móbil, xa dixen, pero no ascensor había teléfono de emerxencias. Salvado pola campá, pola campá do templo por excelencia, a campá de Wall Street. Así que, chamo e sáeme unha voz de ordenador que me anuncia que unha operadora falará comigo. Neses momentos un ten tempo mesmo para imaxinar que a operadora é a moza guapa, esa que non chama e que o enclaustramento é un agasallo de Deus. Ao pouco soa a voz prometida. Non era a voz da guapa, mira ti que decepción! Con todo era unha voz agradable e diche: “Llama usted desde el número.....de la Avda de M....”. “Si, señora”, respondo.
“Puede decirme por favor ¿qué portal?”. “O portal do medio, o ascensor da esquerda, conforme entra”. “Muy bien, muy bien”, dime. “Pero es que ustedes ya no tienen contrato con nosotros e modo que no podemos atenderle”, engadiu. Facendo alarde das miñas extraordinarias facultades intelectuais, esas que me impiden entender como un teléfono está conectado cunha empresa que non fai un servizo, e por que a nova compañía nin sequera pega o novo número, aínda que só sexa para publicitarse, acabei por formular unha pregunta verdadeiramente parva: “E que podo facer?”(é a miña parte naïf, porque xa me dirás ti a ela que lle podía importar o asunto, pero é aquí cando o capitalismo acode ao noso rescate). “Yo puedo mandarle un técnico pero tiene que pagarlo usted”. “Canto me vai cobrar?” –preguntei como mantendo a dignidade e como se tivese outra opción. “120€”, respondeu. “De acordo, non podo estar aquí perpetuamente pechado, así que envíemo”. Fíxome un montón de preguntas para encher o seu formulario, mentres eu pensaba que as oito quedara para a botadura da Curuxán co Morales e non sabía se chegaría.
            Daquela empezou a espera. Ao principio fun rememorando todas as escenas de cine carcelario ou claustrofóbico. Xa dixen antes que a miña hipótese inicial era atribuír o incidente á envexa do Martiño e púxenme a imitar a Steve MacQueen pero o xeito de tirar unha pelota contra a parede sen ter pelota chega a ser imaxinativo de menos ou rutineiro de máis. Lembrei logo A cabina e todo se aclarou. Tamén rememorei aquel personaxe de Fuga de Alcatraz que tiña amestrado un rato e a Woody Allen pechado cun vendedor de seguros e así ía imaxinando filme tras filme. Logo reparei nos escritos, nos de Galeano denunciando os confinamentos dos presos políticos ou os de Vargas Llosa felicitando a Fujimori por ter a Abimael Gúzman nunha mazmorra tres pisos baixo terra e suma e segue, pero xuro que estaba moi tranquilo.

            Cando levaba, como 45 minutos de confinamento, sinto uns pasos vigorosos. Se non soubese que eran os de Ana que pasa dos 70 anos, pensaría que eran os dunha moza de 20, pero era Ana, a miña veciña. Ana é unha persoa encantadora, xenerosa e dunha sensatez pouco frecuente. Ademais fálalle ben ás amigas de min. Aínda que isto último non sei se me gusta de todo. Un non deixa de soñar con ter o atractivo dun detective de serie negra, un personaxe “complexo e escuro” como adoitan dicir os críticos do cinema. Nada que vou ter que empezar a vestir gabardina, malo será que alguén me tome por Colombo. “Ana, Ana”, chamei. Imaxinei a Ana na procura da miña voz e por iso dixen: “estou no ascensor”. A pobre da muller empezou a preocuparse e por máis que me esforcei en tranquilizala, en explicarlle que logo viría o técnico, en rogarlle que fose onde pensaba ir. Nnon conseguín nada. Ela que “Deus o fixera mellor”. Ana pensaba ir a misa  mais non se portou como o crego ou o levita da parábola do bo samaritano senón que se quedou comigo. O que non sei se Ana pode considerarse unha boa samaritana, non porque non teña bos sentimentos que os ten, senón porque o outro día, que cousas ten o zapping!, escoitei no programa de Juan Manuel de Prada unha explicación fantástica. O bo samaritano era bo porque tiña cartos dabondo para pagar as atencións ao agredido, sen os cartos nada de nada. Mira ti por onde, eu que pensaba que o Xesús de Nazareth era un protocomunista, defensor dos pobres como herdeiros do reino de Deus e agora me decato de que a bondade só é posible se un ten unha boa carteira, o que aprende un.

            O asunto é que Ana está nunha forma incrible. Non parou de subir e baixar tres pisos de escaleiras, a ver se chegaba o técnico, a ver se eu estaba ben. Un chega a imaxinarse nunha pantalla unha carreira de velocidade entre Ana e Marita Koch coa vitoria abusona da miña veciña. Fantástico!

            Así foron pasando os minutos. Case hora e media despois oio a Ana falar máis alto e sospeitei que o home dos 120€ acababa de chegar e así foi. Un auténtico profesional, uniformado, co logotipo da compañía ben colocado e cargado con toda a ferramenta: unha chave. Abriu a porta e alí gabeei eu só para saír. Xa fóra díxome que lle tiña que asinar un xustificante, alí cubriu os datos e puxen a miña rúbrica.


            Mentres subía as escaleiras calculando o tempo que tiña para ir buscar o pan e acompañar a Morales na botadura da renovada Curuxán deume por ler o resgardo. Quedei sorprendido. Trabajo realizado: Rescate. Vaia ho, e nin unha man me deu! Ben está que me cobre 120€ pero que o faga polo concepto axeitado: posuír unha chave que abre un ascensor e polo traballo correcto: xirala na dirección axeitada pero por rescate...  non hai seriedade. Se é o que digo eu pasamos de cabina da telefónica ao rescate de Bankia por iso lle chaman fash-back.

jueves, 27 de junio de 2013

DELIRIOS DE FÚTBOL II


Non era o meu desexo publicar o segundo artigo a serie “Delirios de fútbol” tan rapidamente. A miña intención era intercalalos con outros textos para que o fútbol non esultase un tema repetitivo, pero a vida manda.
Jesús Nores, un dos protagonistas deste artigo-relato (ambas cousas é: unha ficción real, un relato de non ficción) xubílase, polo que estas palabras son tamén unha xubilosa homenaxe.
Portada da revista
A revista na que foi publicado, o número 14 de Arando cedo do I.B. María Soliño de Cangas, no ano 1998 "case" recibiu dous galardóns. O primeiro premio foi para unha entrevista dos nosos alumnos ao escritor Suso de Toro. O segundo, o case, foi para o texto que hoxe comparto. Loxicamente ao ser o escrito dun docente foille retirado o recoñecemento. Claro que iso non impediu que o profesor Ramón Rocamonde, compañeiro e ao parecer amigo, co seu proverbial sentido do humor non perdeu a oportunidade de dicirme: “quedou demostrado que escribes ben” e, tras unha calculada pausa, engadiu: “ao nivel dos alumnos de C.O.U”.
Co paso do tempo, esta crónica converteuse nun pequeno refuxio para os seus protagonistas, unha sorte de espazo mítico. Varios dos seus pequenos heroes comentaron que o mellor dos partidos da tempada era o artigo final, esaxeran un pouco, pois algunhas veces, raras, certo é, tamén o pasabamos ben perdendo.
Como Suso Nores, tamén remata a súa vida laboral Ismael Vide. Ismael é unha das persoas que con máis intensidade ten reflexionado sobre o acto de ensinar. Poucas teñen analizado tanto a forma de transmitir os coñecementos aos alumnos e poucas desenvolven unha preparación tan intensiva das súas clases. Tamén para el o meu agarimo neste momento.

A gloria dun viceolista

Este é un artigo en homenaxe ó equipo de profesores do I.B. María Soliño que lograron o subcampionato de Copa e que está formado por Óscar, Suso, Carlos, Luís, Emilio, Pedro Pablo, Quico e Salva.


Hai quen cre que non hai gloria nun vicecolista pero...
Semellaba unha tarde de ballet e vodka pero rematou por ser unha noite de tulipáns. Rimas Dasaev, aquel porteiro que nutría os seus movementos do adestramentos cos  bailaríns e patinadores e que empurraba como unha brisa miúda ós pais de Mihailichenko, foi vítima da Philips. Alí, no Estadio Olímpico de Múnic, un trotamundos inventou curvas ó compás da electricidade, chamábase Rijkard, un ser que trouxo do Surinam a tecnoloxía punta do primitivo, do natural....Aquela elipse foi acollida por un lóstrego denominado Van Basten, a súa volea valía a final da Copa de Europa de Seleccións....ata os alérxicos temos  que confesar que, as veces, os tulipáns cheiran a marabilla e evocan trenzas e miradas pícaras.
Suso en acción, coa cabeza alta como os grandes
Aquela tarde tampouco había goles pero Suso demostrou que tamén os bucaneiros poden ser artistas, roubou das súas neuronas sinuosidades imposibles para a informática e enviou unha folla seca ó encontro co infinito, alí apareceu Pedro Pablo, a nova corporeidade de Van Basten e o remate foi un encontro sutil co "ángulo oscuro" da portería.
¡Raio!,  ¡sóame esa presenza! é Luís pero parece Obdulio Varela, sóame tamén a súa elegancia, ten o porte de Enzo Francescoli, un dos máximos representantes do pensamento dinámico. ¡ Ese defensa! ¡Ese defensa! ¿Como non percibe que tamén ten o gatillo de Fernando Morena? Demasiada vantaxe para un lúcido. Non sei se a intelixencia se fixo potencia ou a potencia gol, só sei que na porta de Esopo, de La Fontaine e de Monterroso unha concentración de arañas protestaba polas molestias.
Hai quen cre que o delirio non é posible entre os que quedan fóra na primeira rolda...
Debuxo do artigo na revista
Era un recreo de asubíos e de repente un novo Gregorio Samsa: unha metamorfose. Pedro Pablo transubstanciouse en tango, recuperou o vello estilo de don Alfredo Di Stefano e superou o complexo de Aquiles: converteu o calcáneo no punto forte. Foi así como sucou arcadas en forma de coxas e deixou o balón para un man a man co porteiro resolto nun tiro cruzado por quen sempre agarda a maxia do compañeiro.
Hai quen cre que, aínda que Pullidor sexa máis renomeado que Roche, non hai memoria posible para o segundo....
En cuartos de final agardounos o San Narciso, pero un gambeteo e un tiro seco de Suso levounos á semifinal, alí agardábanos o Pondal, dous goles de carreira e pegada de Carlos e outro de Suso tras varias paredes deunos vantaxe pero houbo que recorrer ó gol de ouro. Foi alí onde Emilio amosou o seu perfil dourado e meteunos na final.
            Foi unha final de veciños, Monte Carrasco - María Soliño, os vixentes campións de liga lograron un rápido dous- cero que parecía definitivo, pero alí apareceu Carlos, desta volta escorado á esquerda, debuxou un toque suave e o balón bicou a rede cun deseño clásico.
Na segunda parte S. recuperou unha parte do sentido da liña de fondo de Butragueño ante o Cádiz, caneou ó estilo do gran Cruyff e deu o pase da morte para que Pedro rubricase o gol. Cinco minutos máis tarde, nun contraataque a presenza-distracción de Pedro posibilitou que S. deitase ó porteiro evocando unha das sortes de Johnny Red no Mundial de Arxentina, e lograse o empate a tres. Certo que o soño durou pouco porque minutos antes do final os nosos veciños lograron o gol da vitoria e do dobrete.
É posible que ninguén mo crea pero este é un equipo de Óscar, o seu alcume é a obsesión e aumentou as minutas dos psicanalistas, as ventas de somníferos, antidepresivos e outro tipo de terapias para dianteiros frustrados ante A MURALLA. A verdade nunca saberei se te mira con displicencia ou coa grandeza de Lev Yashin.
En fin que cando vexades os seus perfiles redondeados, as súas sens prateadas, o seu andar cansiño...pensade que estar derrotado non é o mesmo que ser derrotista e que sempre hai maxia en calquera músculo con vocación de tacto.










jueves, 2 de mayo de 2013

DELIRIOS DE FÚBOL I




A todas as persoas que co seu ánimo e a súa lembranza
me animan a compartir con vós neste blog, especialmente
a Anxo Otero Ruiz e Arturo Sánchez Cidrás, insensatos eles.

A todos os protagonistas deste conto e a Sole e Montse,
responsables da revista Entre nós no Instituto A Sangriña
de A Guarda, naquela época.                                                

            Hai anos en non sei que película do Oeste, poida que fose nunha das de Bud Spencer e Terence Hill, escoitaba un diálogo que dicía máis ou menos así:

            " -Temos que rescatar a Smith.
              -Quen é Smith, o teu pai?
              -Non.
              -O teu irmán?
              -Non.
              -Un familiar.
              -Non, peor, un amigo."

         O caso é que algúns amigos e tamén familiares, sempre tan amables, levan tempo pedíndome que atenda o meu blog, que escriba con máis frecuencia. Debo confesar que este blog naceu como tarefa dun curso de formación e nunca pensei en escribir moito nel, máis que nada porque pouco teño que contar, así que co tempo, foise convertendo nun foro no que ía compartindo algúns dos proxectos nos que andaba metido, sen outro propósito. O outro día repasando o interesante blog de José C. Manzano, “La verdad del pajarito” que tedes enlazado nesta páxina, atopeime cun dos artigos que eu escribira sobre os partidos de fútbol cos alumnos, titulado as feras e os vellos, e pareceume que podería ser unha boa idea recuperar os vellos artigos para este espazo.

        A miña intención é compartir con vós uns textos que pretenden ser divertidos, cheos dun humor, se cadra soterrado e agochado nas múltiples referencias; unhas palabras de afecto para coas persoas protagonistas e para cun deporte co que pasei bos momentos; verbas preñadas de gozosas hipérboles pola que se desliza unha intención autoparódica.

           Espero compracer as persoas que me animan a escribir neste foro e ás que tanto agradezo ao seu estímulo.


O LUGAR QUE ME RESISTO A DEIXAR

            (Este artigo foi publicado na revista Entre nós o IESP da Guarda en Xullo de 1994)

           VOSOUTROS. Non hai nada profundo se non é posible soñalo, a realidade máis fonda é a realidade mítica, porque empuxa, por iso quero esbozar a posibilidade de que Don Quixote fose o único perceptor da realidade, que os muíños fosen xigantes e os rabaños exércitos...

           Era unha tarde de gloria e sauna. Miguel “Migueli” berraba máis: “a por auga!” que “A pola pelota!”, unha obsesión contra a deshidratación; pero aquela foi unha tarde de herexía, Miguel demostrara que a omnipresenza non era un atributo exclusivo de Deus. “Á fogueira!” berraban os partidarios do fútbol preeiro e reaccionario. “Ao santoral!” replicaban aos que recoñeceran á reencarnación de Uli Stielike.

           Tamén aquela tarde Mauro Silva recoñeceu o seu nome e Pepe “Bebeto” Monjardín ergueu os brazos tras un gol-longueiro-espalda e berrou: “Que Mauro Silva! É mellor que Mauro Silva! Mauro non meteu un gol en todo o ano! Vaia golazo, che!”. Sigmund Freud aumentaba os seus complexos e Manolo Campos, curado de esquizofrenia recoñeceu por fin o seu nome; quedara gravado nun tiro á escadra, envexa do mesmísimo Zico.

          Pepe “Bebeto” Monjardín é un desafío, o seu fútbol entre preso busca fugas e exaltado de Maio do 68 é unha reivindicación ecolóxica do espazo libre. Aquela tarde demandou os pases ao oco e converteu a José Carlos nunha mutación de Overath e a S. nunha fotocopia de Gento. Aquel día Fran era o seu destino e o gol o seu punto de encontro.

          En 1974 Franz Bekenbauer levantaba a Copa de Campión do Mundo e José Carlos comprendeu que o mellor futbolista é o que fai mellores aos demais. Alemaña non era Bekenbauer, Müller, Overath, Vogts, etc, senón Müller-Bekenbauer, Overath-Bekenbauer, Hoeness-Bekenbauer... José Carlos quixo dar o seu apelido ao balón, cada toque deixara de ser monólogo e era diálogo con vocación polifónica. O kaiser respira tranquilo, nalgún lugar do planeta -case na fisterra- alguén comprendeu o seu fútbol cooperación, foi deseñador de alas e cerebro.

           Unha noite Lev Yashin tivo un pesadelo, unha nova araña negra ía suplantalo, tiña a colocación de Maier, os reflexos de Zamora, a velocidade de Buyo e a sobriedade de Arconada; era un candidato ao ÓSCAR. Parece un rapaz normal, pero demostrou que a distancia máis curta entre dous puntos é o escorzo.

            Aprendeu a fuxida nos partidos de barrio e a samba nas praias do Brasil, o seu xogo entre suburbial e lúdico parece jazz. De súpeto, “Foguete samba”, Miguel para a pelota, ao outro lado un oco inmenso polo que entra José Carlos. Dende entón din que as diagonais de Ronald Koeman son un van intento por igualalo e que Zico se enfada cano o mentan, cría que o seu pase a Junior no mundial de México era insuperable.

               Vicente acostuma a pelexar o balón máis alá do medio campo, o seu é o roubo e o disparo a curta distancia, pero aprendeu nas súas horas de fotógrafo a técnica do flash. Os seus compañeiros din que Vicente ataca sempre pola espalda, do defensa, como os astros do desmarque, e que a súa ubicación devolve ao equipo a súa vocación polos pases de Schuster.
                Fernado e Javier son dous conceptos distintos do fútbol; o primeiro ten vocación de equilibrista, está reivindicando a gracia de Gordillo, parece que cae pero “flota”; a pouco que deixe o balón será a envexa de Nando. Javier é a solidez, disposto sempre a demostrar que o fútbol non é exclusiva de xente co centro de gravidade baixo, as súas “saídas ao ataque” son, pese a súa anarquía, unha arma definitiva.

             O FUTBOL. O meu tacto estemeceuse ao contacto co seu coiro, foi un amor ao primeiro pelotazo. Xa sei que ás veces era plástico ou papel de periódico envolto, acaso tamén Dulcinea era Aldonza Lorenzo. Era un amor posesivo que só quería compartir de pé a pé; pero aínda pequeno axudoume a imaxinar, a agochar, a mostrar e, polo tanto, a ser o caneo de Juanito Gómez, o canonazo de Gerd Müller ou o cambio de ritmo de Cruyff:

               A forza de ser illa comprendín que:

               “Si te quiero es porque sós
                mi amor mi cómplice y todo
                y en la calle codo a codo
                somos mucho más que dos”
                                            (Mario Benedetti)

             E comecei a vivir o fútbol máis global. Agora existía a carreira, o pase ao oco, en diagonal; mesmo o fútbol sen balón: unha sorte de metafísica para espíritos sutis. Daquela vivín no complexo, na imposibilidade de “esparexer bananas” como Garrincha, de converter un pelotazo en comunicación a noventa metros, como Bekenbauer, de danzar como Pelé, na imposibilidade de ser Di Stefano, o home que máis semellaba ao fútbol.

           Ás veces os ventos sin propicios e lévanme o balón á escadra, e os deuses préstanme cola para levar o balón entre os defensas e imáns invisibles atraen o balón desde a miña bota ao pé do compañeiro desmarcado e é esta xenerosidade do balón a que me ata ao seu yunque.
Non sei se isto é realismo máxico ou folletín, quere ser só unha homenaxe á miña única patria verdadeira: a infancia, o lugar que me resisto a deixar e do que sinto nostalxia, aínda que sexa de futuro que diría Ernesto Cardenal e unha homenaxe aos que me devolveron a inocencia e a quixotesca capacidade de ensoñación. Por tanto grazas a Manolo, a Miguel, a Pepe, a José Carlos, a Óscar, a Foguete, a Vicente, a Javier, a Fernando... e ao fútbol.

            Á maioría das persoas citadas neste artigo hai anos que non as vexo e non teño maneira de poñerme en contacto con eles para avisalos desta publicación, de modo que se algúns dos lectores os coñece pregaríalles que lles avisase, e, a eles e a todos, animaríavos a enriquecer o texto cos vosos comentarios.






jueves, 14 de marzo de 2013

NOVOS LANCES NOS LAÑOS DO MORRAZO

            A miña tía Aurora Otero Loira quen ten viva
na memoria verdadeira  o sentir dos falantes do Morrazo.

Nunha conferencia pronunciada na Universidade de Vigo en 1985 (daquela aínda Colexio Universitario) o escritor Víctor Freixanes apuntaba que unha forma de prestixiar o galego, de fixalo na memoria dos humanos, era escribir unha obra literaria da importancia de El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha, Ulysses, A Odisea ou A Divina Comedia, redactar unha teoría científica equiparable á lei de gravitación universal de Newton ou á teoría da relatividade de Einstein, crear ensaios fundadores de novas formas de pensamento a maneira de A Poética de Aristóteles.... Cadernos de Fraseoloxía Galega navega na dirección apuntada por Freixanes, aposta pola calidade investigadora, non en balde a súa páxina está enlazada coa de EUROPHRAS, a sociedade científica máis importante neste eido, e indexada no MLA, o máis prestixioso índice de revistas lingüísticas do mundo, o que supón o máximo respaldo internacional para unha publicación redactada integramente en galego.

            A revista está publicada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten como obxectivo principal impulsar a investigación fraseolóxica galega pero acolle tamén traballos de todas as culturas do mundo, boa proba diso é que polas súas páxinas pasaron xa máis de 130 investigadores de 20 países diferentes.

            Está dirixida polo académico Xesús Ferro Ruibal. Teólogo, tradutor da Biblia, latinista e escritor, Ferro leva anos desenvolvendo un importante labor de recollida e análise de material fraseolóxico galego. Os seus ensaios Refraneiro galego, Refraneiro galego máis frecuente, Recuperemo-la fraseoloxía enxebre, Refraneiro galego da vaca ademais de numerosos artigos en revistas especializadas, son unha mostra clara do seu valioso quefacer.



Agora acaba de saír en papel o Caderno nº14. Entre os materiais publicados figura unha recadádiva de unidades fraseolóxicas (UU.FF) do Morrazo: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de Unidades Fraseolóxicas”. O traballo foi redactado pola profesora, autora de libros de texto e con varios premios poéticos no seu haber, Lucía Durán Paredes, por Xosé Manuel González Barreiro “Oli”, autor dunha destacada obra de literatura infantil e xuvenil, traducida a varias linguas, por Henrique Harguindey Banet, tradutor, recompilador de contos populares, estudoso da lingua popular, por Xosé Martínez García, exprofesor da Universidade do País Vasco, tradutor das obras de Salustio ao galego, estudoso e protector da Danza de Aldán, Ramón Rocamonde Gómez, colaborador da Revista Galega de Teatro, coautor do Diccionario da lingua galega da editorial Ir Indo ademais de varios libros de texto, e polo redactor destas liñas.

            O artigo intenta recuperar o uso de case 80 unidades fraseolóxica porque: “acontece que o labor de un lexicógrafo en Galicia non pode limitarse á mera constatación da existencia dunhas formas: é preciso espallalas e rehabilitalas cando sexa necesario”.

            Os autores sosteñen que:“Verba volant, scripta manent. Escribamos as palabras por se un día cometemos o pecado de esquecelas, pero deixémolas voar, que cheguen ás persoas e que as leven, co seu reemprego, a intensas e fecundas comunicacións. Hai quen pensa que a recollida destas expresións, case sempre da boca de persoas maiores, é un intento de resucitar un morto, unha sorte de boca a boca inútil; mais as palabras seguen vivas mentres algún falante as utiliza ou as lembra. Nós queremos pensar que relanzalas é máis ben un bico de amor, de amor fértil, que ha de traer un futuro máis rico. Así sexa”.

            Deixádeme, pois, que comparta con vós algunha das frases que aparecen neste traballo precisamente para que poidades espallalas un pouco máis.

  1. achicar auga cun tolete/achicar o mar cun tolete. Facer un esforzo inútil, pretender un resultado imposible, xeralmente por falta dos medios necesarios. Andas a retellar aquí e alá pero non fas nada: é andar a achicar agua cun tolete. [Un tolete é un pau vertical que se fixa ao bordo da embarcación para facer de fulcro ou punto de apoio do remo que vai suxeito a el polo estrobo: polo tanto, non sendo un recipiente, non serve para extraer auga dunha embarcación].
  2. Estar a pa. [Especialmente no comercio] Non marchar ben o negocio, estar paradas as vendas. Este ano, coa crise, estivemos a pa, incluso nas rebaixas. # A pa é un instrumento que se utiliza para parar a maquinaria do muíño, “estar a pa o muíño” é que está sen moer.
  3. meter en présa. Crear dificultades. Bastantes dificultades teño eu como para meterme en présa con ese asunto.
  4. mira para min que son de Marín. [Réplica utilizada para expresar que alguén non creu en absoluto o que lle acaba de dicir o interlocutor, facendo así constar que non é un crédulo parvo]. –Eu nos meus tempos mozos corría os cen metros en dez segundos. –Mira para min que son de Marín, se ti non corrías nin para escapar dos paus.
  5. vai morrer o demo. [Úsase para indicar que acontece algo bo pero pouco usual ou que alguén, que non adoita actuar dese xeito, realiza algo bo ou ben]. Que milagre, vires de visita! Vai morrer o demo!

            Por último non sería xusto que rematase estas miñas palabras sen mencionar aos máis valiosos colaboradores deste traballo, os informantes: Manuel Aldao Portas, Manuela Alonso Martínez, Gabriel Calvar González, Salvador Castro Rúa, Rosendo Gago Lemos, José García, Lucinda González Lemos, Clara Millán González, María Millán González, Aurora Otero Loira, Teresa Otero Loira, Fernando Otero Otero, Isaura Alonso Pardavila, María Paredes Juncal, Emma Pazos Abalde, Victoria Piñeiro Torres, Margarita Rodal Dobarro, Carlos Rúa Gayo, Carmen Soto Cano, Francisco Tilves Guimeráns, Emma Tilves Pazos, José Tilves Diz e Ramón Villar Guardado e a través deles “a todos os que nos abriron a súa memoria e a súa rica práctica de dicionarios vivos[...] Homes e mulleres de diversa actividade social e laboral e de distinta formación que con xustiza cómpre caracterizar como filólogos no sentido orixinal do termo.”

            Este traballo é un pasiño máis, apenas un conxunto de lances “á ardentía ou ao escuro, no pequeno caladoiro das unidades fraseolóxicas vivas [...] na bisbarra do Morrazo”, pretende seguir as pegadas que noutrora deixaron persoas como Bernardino Graña ou, máis modestamente, José María Estévez e tantas persoas que amaron e acolleron dende a curiosidade os ditos dos morracenses. Oxalá sirva para darlles vida, oxalá sexa longa a vida dos Cadernos de Fraseoloxía Galega e as frases e os cadernos acompañen as que serán máis de mil primaveras para a lingua galega.