sábado, 14 de septiembre de 2013

TRAVESÍA POR MOMENTOS DA HISTORIA DE BUEU




           A Asociación Ricardo Gómez Buceta está a organizar unhas xornadas sobre tres momentos da historia de Bueu. A este redactor lle correspondeu a honra de presentalas. Comparto as palabras que pronunciei na presentación por se puidesen animar a alguén a asisitir ao resto das xornadas pendentes.

PALABRAS A MODO DE PRESENTACIÓN


Ricardo Gómez Buceta
            Ricardo Gómez Buceta tivo fame e sede de xustiza, unha fame acaso nacida ao tempo que unha acusación inxusta pola que perdeu o seu posto de traballo, unha fame que medrou ata o infinito cando uns criminais remataron coa súa vida, unha fame que non acadou fartura porque, xa morto, sepultaron a súa reposición co argumento de que non acudira ao traballo. Os seus executores encargáronse diso.
  
   Hoxe, unha asociación leva o seu nome, unha asociación para a cultura e para o debate. E na súa honra e para a de todos os que acá e acolá, deste o desoutro pensar, sufriron persecución e morte, van estas charlas.


            Luís Eduardo Aute cantaba: “el pensamiento es estar siempre de paso, de paso”, por iso estas conferencias non reciben tal nome, senón o de travesía, a modo de pequenas pero fondas andainas a través da historia de Bueu. En realidade, estas son travesías, pero sobre todo singraduras, pequenas navegacións.

            Un ser humano non pode navegar toda a mar océana, como non pode transitar o infinito nin abarcar todos os tempos. Así que seleccionamos como se dunha trinidade se tratase (tres períodos, tres épocas, en un único Bueu) tres dos momentos máis salientables da historia da nosa vila: O Bueu romano, Ermelo e a cristianización do Morrazo e a Industrialización de Bueu.

          
Escavacións na zona de Petis/Pescadoira
  Bueu era un pequeno recuncho no finisterre romano, unha marisma que daba ao norte como indica o seu nome no parecer dos que estudaron o sentido do topónimo, e dentro desas lagoas está Pescadoira. Ás veces, os nomes están condenados a palpitar ás claras o seu ser. Quizás por iso Álvaro Otero e Xaime Toxo o teñen tan presente na súa literatura. Nesa pescadoira, onde homes e peixes se atopan, tamén se encontran as civilizacións. Dese fecundo encontro trata a primeira das charlas, a de Fructuoso Díaz García. El relataranos a historia do comercio da salga, a da fabricación de ánforas orixinais, a da conservación de restos, ao seu xeito, únicos. Seguro que coas súas verbas de escoitador de pedras nos fará sentir a vida dos nosos devanceiros e tamén a doutros antepasados de máis ao norte que el tamén coñece ben.

           A segunda conferencia tratará sobre Ermelo, ese lugar ermo, solitario na que Belarmino Barreiro cre ver o “berce do Morrazo, o pai espiritual fundador, a raíz dende a cal se poboaría esta península”. Fermosas e creo que sabias palabras. En España, Galicia non é unha excepción, adoitase desprezar aos estudosos, aos investigadores. Os eruditos reciben comentarios despectivos. Un profesor de crítica literaria díxonos unha vez: “en español erudito es peyorativo como Agapito”, outros menos puerís pero, se cadra, peor intencionados definen ao erudito como “un coleccionista de minucias”. E desa visión nacen os tiros que ao xeito de escopetas recortadas (hoxe, igual que no tempo de Neruda, “los pistoleros se pasean con la cultura occidental en brazos) van acabando coa investigación a base de forzar ao exilio aos investigadores.

            Convén por iso dicir que quen se mergullaron na documentación de Ermelo, nos vellos papeis, se cadra cheos de piolla, non son os causantes do gasto superfluo, senón que nos devolven á vida o nome palpitante dos seres que habitaban noutras épocas ese fermoso lugar solitario, nacemento do único río que nace frade na Fonte Bieita e morre bispo alá na Banda do Río. Regálannos os nomes de Pero Monxe, Martín Pelagio, Martiño Sarmiento....e con eles o nacer e o palpitar da nosa bisbarra.
Museo Massó, restos da salga (foto: Roberto González)
       
 
Pero o Bueu contemporáneo non sería comprensible sen a industrialización, sen a industria da salga que logo derivaría cara a conserva. A paisaxe da nosa infancia está chea de imaxes de mulleres saíndo das fábricas, das chamadas sonoras que se espallaban pola vila...Esa forma de vida era consecuencia do labor de fomentadores, moitos deles foráneos que transformaron os modos de produción e con eles tamén as
mentalidades. Esa será a terceira das nosas singradura.

            Este ciclo non podería ter mellor lugar para celebrarse que este Museo Massó. Dona Covadonga López de Prado como responsable do Museo nos dará logo a benvida pero, sen negarlle o seu poder como depositaria das chaves da casa, seguro que non se molesta se digo que, dalgúns xeito, todos podemos darnos a benvida ao noso lar, ao lume do fogar, os de Bueu porque aquí reside a memoria dunha parte moi significativa da nosa historia e os de fóra porque aquí mora un anaco de cultura, universal por definición.
            Nada máis, agradecervos á Asociación Ricardo Gómez Buceta a oportunidade que me deu de compartir convosco estas palabras, ao Museo Massó por acollernos, unha vez máis no seu interior, a Fructuoso por acudir á nosa chamada e por axudarnos a vernos aínda con máis claridade e a todos vós por asistir  e pola vosa amable escoita.


 INFORMACIÓN  FINAL:

Primeira conferencia: éxito de público (foto: Roberto González)
As conferencias celebraranse no Museo Massó ás 20:30 os seguintes venres:
13 de setembro: O Bueu romano. O forno de ánforas e a salga romana en Pescadoira por Fructuoso Díaz García. Dirección da escavación.
20 de setembro: A cristianización do Morrazo. A importancia do antigo Mosteiro de Ermelo por Pablo S. Otero Piñeyro Maseda e Miguel Romaní Martínez.
27 de setembro: A industrialización de Bueu. A salga e a pesca da sardiña nos s.XVIII e XIX por Arturo Sánchez Cidrás e Xosé Manuel Cerviño Meira.