jueves, 25 de octubre de 2012

SHAKESPEARE FISIOTERAPEUTA




 A Anxo Otero Ruiz quen me pediu que renovase o meu blog
e me agasallou cunha lectura xenerosa.
A todos os protagonistas desta historieta porque son parte do
 mellor que atopei nesta vida.                                                      
As persoas que me acompañaron durante esta convalecencia
porque sentín o seu agarimo.                                                     



         Mystic River
       Moitas veces cometemos o erro de pensar que os acontecementos suceden por azar, que chegan sen que ninguén os chame, pero se observamos con atención podemos decatarnos de que os dados eses do universo cos que disque Deus non xoga estannos a avisar malia que só lle facemos caso ao ruído que fan dentro do cubilete e non aos números que marcan.

        O ollar de Ulises
        Levaba un par de días cunha forte dor de oídos. A min  dóenme os oídos nas épocas de alerxia e aquel era un tempo de outono. “Serán as murmuracións”, pensei por aquilo de darlle unha oportunidade ao pensamento máxico. Pola noite notei que os ollos estaban moi irritados e chorosos e, nin estaba máis deprimido do habitual (aínda non comezara a campaña electoral), nin vira a televisión, nin andara co ordenador, nin lera demasiado, pero xa se sabe que os ollos son órganos mequeiros, amantes da calidez e do sal. Aqueles síntomas non me pareceron nada alarmantes, aínda que o meu subconsciente empezou a murmurar: “Vas vello, Baldomero!”. Éche culpa do Freud, antes co Anxo da Garda todo ía de marabilla, agora co subconsciente, as neuroses non fan máis que medrar.

        Despois da cea empezaron de verdade os problemas, ou polo menos a conciencia dos mesmos. Fun lavar os dentes e ao gargarexar, o demo me leve!, así, de repente un chorro de auga, como se dunha balea se tratase, sae da miña boca. O que me faltaba! De inmediato fun coller o exemplar de Mobby Dick e agochalo baixo sete chaves non fose que a un delirante capitán Ahab ou Acab (os transcritores vacilan) lle dese por confundirme coa balea branca esa. Crédeme, toda precaución é pouca. Estaba claro, pois: a parte dereita da miña cara -xuro que non era unha protesta política-  estaba paralizada.

        Á mañá seguinte fun ao médico. O doutor é un home amable e non debe ser mal galeno pois adoita acertar cos diagnósticos e cos tratamentos. Total: confirmou o intuído, parálise facial. Receitoume uns medicamentos e rehabilitación.

        Volvín ao traballo e a primeira persoa coa que me atopei foi a María. A María é unha moza xeitosa, guapa e sensible, e foi nese momento cando me decatei da gravidade da miña doenza: agora como lle chisco un ollo a esta? Xa se sabe que chiscar un ollo é unha arma poderosa e eu, daquela, andaba inerme polo mundo. Aquí si que a parálise xa me empezou a amolar e cada vez que vía unha nova compañeira e despois outra, todas fremosas e de bom semelhar, o meu enfado ía en aumento.

        Quo vadis?
        O médico advertiume de que os tres primeiros días, malia á medicación a miña cara ía declinar, e como son disciplinado declinei. Na clase de latín: primeira declinación. Perdoe señor doutor que non dese a segunda e a terceira pero nin polas prescricións facultativas rompo os tempos da programación didáctica. A segunda e a terceira quedan para máis adiante. Pero declinar, o que se di declinar, declinei e certamente a miña cara tamén declinou.


        A Carmen e A Chus convidáronme a dar un paseo, pero a fotofobia (empezo a pensar que inducida por algunha lectora de Bram Stoker) era terrorífica. Alá me vedes a min, lentes de sol, as mans sobre os ollos e todo o camiño mirando para o chan e orientándome polos pés alleos. Declinación cervical debía ser iso. Como todas estas andainas acaban sempre nun café, alá fomos e, como xa podedes sospeitar, tiven que pedir unha palliña para beber e evitar así salabardear a mesa e as miñas colegas. O Alberto diríame días máis tarde, coa complicidade da María Xosé, que el se tiña por excéntrico pero despois diso nada de nada e hai quen rematou o conto afirmando que na súa vida vira nada tan “pijo”. Xa se sabe que “Ademais de burro (ou cornudo segundo outras fontes), apaleado”.

        Lost in translation
     O Quique Harguindey, ademais dun bo amigo, éche un home da cultura: tradutor, gramático, folklorista… Total que os da Asociación Galega de Tradutores decidiron galardoalo co seu premio anual, un xusto de recoñecemento a unha labor extraordinaria e fortalecedora dunha lingua que ama dende todos os poros da súa pel. O caso é que, insensato el, pedirame que dixese unhas palabras no acto de entrega. Chegado o día as luces eran unha ameaza pantasma e un empezaba a ter a pinta da criatura de Frankenstein. É certo que o doutor me recomendara volverme máis da confraría de John Silver e poñer un parche no ollo pero non me dei afeito. Se cadra se o home soubese das miñas afeccións cinéfilas e me falase de John Ford, Raoul Walsh ou Nicholas Ray, cos seus parches nos ollos, pois case me tería convencido, somos así de caprichosos os pacientes, sobre todo os impacientes. Sempre hai que adiviñar a táctica para convencernos.

         O asunto do parche pirata tivo tamén a súa repercusión porque a Isabel estaba empeñada en que mo puxese e me fixese unha foto desa guisa e ata aí chegarían as bromas. Non pensedes, por un momento imaxineime subido na dorna do Morales cun parche no ollo e mesmo tiven a tentación de pintarmo co photoshop ese, incluso pensei en pedirlle emprestado aos meus irmáns un disfrace de Entroido e recuperar aquel loro que tiveramos pola casa e entoaba a canción de A ponte sobre o río Kwai, pero dixen: “Non, non que a Isabel non se asusta nin coas reformas legais do Gallardón e a ver que fai coas imaxes”.

         Estoume desviando. Nese estado tiven que chamar ao Quique para dicirlle que para a súa fortuna e a dos asistentes ao acto non podería acudir. O curioso foi que o xornal me citou entre os presentes, de modo que nos días seguintes todos me preguntaban que tal fora o evento. Sonche cousas da liberdade de prensa.

         A vida secreta das palabras
        Eu xa oíra falar destas cousas pero un nunca lles fai caso. Hai unha década máis ou menos lera un artigo do Manuel Rivas en El País Semanal titulado: “Poesía terapia”. O texto daba conta da importancia da poesía na curación ou paliativo das enfermidades mentais. Francamente, parecéronme andrómenas de poetas, empeñados en pasar do desprezo máis absoluto por calquera pragmatismo a defender a utilidade da súa arte para todo. Tamén lera en internet un artigo que comentaba un estudo dunha universidade americana demostrando as bondades da lectura para o coidado do cute. Un artigo perturbador, polo menos a min perturboume unha clase: tiña, daquela, unha alumna moi rabuda (prefería ser agredida a que lle recitasen uns versos), odiaba ler, de modo que, xa farto da súa impertinencia, díxenlle que lese, que era bo para o cute. Iracunda contestoume que era un machista como se os homes non tivesen cute e non usasen produtos cosméticos. De modo que tiven que explicarlle o do artigo e mesmo llo tiven que levar ao día seguinte para que me crese… De modo que xa sabía algo do asunto pero unha cousa é que cho conten e outra que che pase.

         Xa vos dixen que o meu médico é un home amable e certeiro, o que non vos comentei –iso ía ser o peor– foi a fisioterapia que me recomendou.

        –“Cando falamos non prestamos atención. Ti xa me entendes, (engadiu para evitar suspicacias) pois agora tes que prestar atención a como vocalizas, facer acenos, mesmo diante do espello”. Foi dicilo e empezar a invadir a miña mente as imaxes de Tön, Uqbar, Orbis Tertius, o planeta que Borges coñecera a través do espello, de Alicia transformada en raíña malencarada (eu sonche republicano) e dos espellos valleinclanescos. Xa me sentía atemorizado, nin sequera os stendhalianos me acougaban así que  me dixen a min mesmo: “Por aí non paso”. O doutor alleo ao meu pensamento continuou: “ E, sobre todo, le en voz alta”.

        “Malo raio me parta! -pensei eu- Esta si que che é boa, vou pensar que as teorías conspiranoicas do Roberto son certas”. O Chema é un bo amigo, unha boa persoa pero é inspector e isto supón un dilema no asunto que trato. No verán agasalloume cunha estupenda versión galega dos sonetos de Shakespeare, realizada por Ramón Gutiérrez Izquierdo. Daquela agradecinllo moito pero agora comezo a pensar que había unha conspiración astral e que ese regalo xa estaba pensado como terapia. Porque, non crean, eu de ter fisioterapeuta, tería a Shakespeare. Se cadra a Estrella non lle gusta que lle aumente a competencia á súa filla pero eu sonche así.

        En resumo: asesorado polo meu médico, habilitado pola inspección e inspirado por Aristóteles, aí me teñen vostedes de peripatético, máis patético que peri. Así que collín os sonetos do Shakespeare na man esquerda e un pano na man dereita para tapar o ollo. Foi difícil adiviñar as letras cun ollo tapado e o outro fotofóbico, pero nada comparable a afacerse a colocar un pé diante do outro de xeito harmonioso e sen confundir o dereito co esquerdo tendo un brazo estendido e outro encollido. Ten o seu arte, non crean, senón proben, proben e xa verán. Así que corredor arriba e corredor abaixo... (Creo que vou mal por aquí, xa estou escoitando ao Aldao dicíndome que se teño inclinada a casa, que debería dicir corredor leste-oeste, corredor oeste-leste. Hai xente feliz coas precisións, con todo voume manter firme nas convicións) Corredor arriba, corredor abaixo,insisto, le que te le en voz alta os sonetos do Shakespeare.

               “Cando vexo nos libros que narran o pasado       
                as descricións de tantos fermosos persoeiros, 
                e a beleza ornando os cánticos de antano,        
                en loor de damas mortas e amantes cabaleiros;             

    daquela, no encomio das grazas xenuínas,        
                da man, do pé, dos labios, dos ollos ou da testa,            
                vexo que aquelas plumas antigas pretendían   
                cantar esa beleza que en ti se manifesta.           

                Así que aquelas loas só eran profecías 
                do noso tempo e todas estaban a anunciarte, 
                mais, como só con ollos de adiviño vían,             
                faltáballes máis xenio para poder cantarte;       

    e nós, ao contemplarte nestes presentes días,               
                ollos de asombro temos, mais non apoloxías.”

                Seguro que os meus veciños andaban na procura do número de teléfono do psiquiátrico, polo que puidese ocorrer, mais eu linos todos, todiños, un a un, mesmo intentei ler algún no orixinal inglés (máis que nada por compracer ao Núñez) pero son un desastre, xa o dicían polo instituto que andaba a practicar castelán coa americana. Iso si, o Chema pode presumir aquí e acolá de entregar instrumentos recuperadores ao profesorado.

                Agora ben, o doutor é un irresponsable. Non se dá conta de que se abre a caixa de Pandora e non hai forma de pechala? Non se decata, o pobre do home, do perigoso que é demostrar que a lectura sirve para algo? Non se lle pasaría pola cabeza que o dos efectos cosméticos ten un pase pero o da fisioterapia xa é por demais?

                Ah! Pero, e a miña vaidade, señores? Xa lles gustaría ter un fisioterapeuta como o meu: o mesmiño William Shakespeare, versión sonetos. Tranquilos que como isto aínda non rematou, seguro que lle boto unha chanchada ao monólogo de Hamlet.  A O rei Lear non, pois igual esta é unha historia contada por un tolo mais non ten nin ruído nin furia.

                A forza do cariño
                As persoas en xeral son cariñosas, móstranse solidarias cos doentes, agora ben, existe o sector hipocondríaco. Quizás non son hipocondríacos, se cadra son cinéfilos atentos. Despois de contemplar Manhattan un sempre ten a tentación de confundir unha dor de cabeza cun tumor cerebral. Iso deriva en que te aconsellen visitar o neurólogo, o cardiólogo ou outros especialistas máis terribles. Son boa xente, de bo corazón e sempre lles parece que a túa confianza é temeraria. Teño que recoñecer que seguro estarían máis tranquilos se soubesen que tiña de terapeuta o bardo de Stratford-upon-Avon.
                Éche ben certo, a can vello todas son pulgas. A Sonia, ademais de escribir como os anxos e de ter –como dicimos por aquí con admiración– unha cabeza que Deus lla conserve pero non lla aumente, é unha moza cariñosa, así que veume visitar pola noitiña. Preparei unha cea frugal a base de tortilla cociñada á fotosensibilidade, é dicir, case ás escuras, e algo de friame que tiña pola despensa. Cea modesta se ben se mira. “Xa non hai homes”, díxome. Non llo tomei a mal porque non se refería a min. Rematado o refrixerio e aproveitando que xa era de noite pechada fomos dar un pequeno paseo pola vila e mira ti por onde a Sonia tiña razón: xa non hai homes. Sacas un ghichiño da casa menos de vinte minutos e acaba cun arrefriado. Desa maneira cambiei a grata compaña da Sonia pola íntima relación cos antibióticos; definitivamente, ou as do ducado de Espiñeira provocan maleficios ou, de verdade, xa non hai homes.

                O paciente inglés
A Marisú é unha muller intelixente e moi competente no seu traballo (é enfermeira); ten a manía do pesimismo pero cada un é como é. Unha tarde envioume unha mensaxe preguntándome se estaba a ler Tiempo de silencio ou a escoitar “Sound of silence” porque había días que non lle falaba. Daquela conteille os meus males e tratamentos e empezou a falarme da vitamina B. -“Non che deron vitamina B?”. – “Non, mandáronme a Shakesperare”. Pero ela erre que erre coa vitamina B, parecía non ter outras palabras na boca.

                Como a dor de oídos non cedía (estou seguro de que é cousa do vodú, xa estou certo, son os bonecos eses que fan os rapaces presuntamente para o Samaín), o facultativo remitiume, como se fose unha carta ou un paquete postal, ao otorrino. O especialista fíxome probas, audiometrías, tac, etc pero chegou á mesma conclusión que o seu colega. Mantivo o tratamento e mandoume tomar a vitamina B, de modo que xa non podo dicir por aí que preciso vitamina bicos, porque xa me deu pastillas. Mira ti, dous médicos para chegar à mesma conclusión ca Marisú. Agora ando supervitaminado e supermineralizado como nos debuxos animados e a Marisú envíame os bicos por sms.

                Receitoume tamén un analxésico. Chámanlle Dolpar 300. Segundo di o prospecto é un opiáceo. Debería terse chamado dopar 4.0. O 4.0 é polo da modernidade informática e porque a min deixoume catro días máis durmido que esperto. Non me importaron demasiado os vómitos, nin a perda de equilibrio nin nada diso. O peor foi o derrubamento dos mitos. Tanta literatura, tanto cine, tantos relatos persoais falando das ensoñacións dos estupefacientes, que un espera unha viaxe astral (cando menos austral),  un delirio buñueliano, unha escapada ao país do Marqués de Sade ou sabe Deus a que illa remota de pecados inconfesables. Nada, nadiña de nada, o tedio máis absoluto. Hai que elevar unha protesta contra esta clase de medicamentos: pase que a dose sexa alta de máis pero a calidade das alucinacións ten que estar á altura do prestixio das mesmas, o demais é inadmisible. Que vai pensar de min a exalumna que me vendeu as pastillas na farmacia? Para que perdín o tempo vendo Érase una vez América ou lendo Cuando fuimos huérfanos? Poden vostedes señores das grandes empresas farmacéuticas explicarme como poden provocar semellante desilusión?  Cando pensan devolverme as alucinacións pertinentes? Debería demandalos por danos e prexuízos: como vou esperar agora algún soporte imaxinativo extra? Como recompoño a miña mitoloxía? Sequera con Shakespeare a cousa soaba de marabilla.

                Abre os ollos
                Agora estou a contemplar o mar dende a miña ventá, a fotofobia marchou con algún personaxe de Murnau, a dor de oído persiste, pero xa dixen que era cousa do vodú e das lerias. Ademais é posible que a vitamina B acabe con ela, aínda que me atrevería a xurar que cun bico na periferia dos pavillóns auditivos curaríaa mellor. Beber xa non bebo con palliña e, como Alvy Singer (o personaxe de Woody Allen en Annie Hall), “Non preciso alucinóxenos para excitarme”.
                 Pero é o ollo? Que pasa co ollo?
                Pois que sigo –isto si que é tráxico– sen poder chiscalo malia a poderosa axuda de Shakespeare.