viernes, 5 de noviembre de 2010

De Petís á Carrasqueira

            O vindeiro martes día nove a Federación de Comerciantes do Morrazo (FECIMO) presentará o libro de Fernando Otero De Petís á Carrasqueira, un texto no que narra as súas vivencias no Bueu dos anos 60 e principo dos 70 do século pasado. Ofrecemos a continuación o texto da contracapa por se ao lector lle serve como orientación do contido do libro.


          "É o fin da historia? Quizás sexa o comezo das historias. Non é o tempo dos discursos globais, se cadra con demasiados apriorismo como para dar conta verdadeira dos acontecementos; non é o tempo dos inventarios, o coñecemento do pasado non pode ser só unha lista de acontecementos bélicos nin unha enumeración de dirixentes máis ou menos corruptos. É o tempo dos discursos cordiais, pasados polo corazón, dos discursos entrañables, nacidos das propias entrañas dos individuos e colocados na súa mesma altura para contar os labores, as festas, os ritos, os retos…

            De Petís á Carrasqueira é unha historia, unha narración dun tempo de cambios, de novidades, de transformacións máis ou menos radicais, contados por un protagonista, na lingua do seu tempo e na xeografía da súa vila natal. Acaso por non ser ”la historia de un ser de otro mundo/ de un animal de Galaxia” como na canción de Silvio Rodríguez, esta era unha historia invitada a perderse no baúl do tempo, sobre un lugar no medio da nada, poboado de pantasmas que, pola forza da memoria compartida, adquiren vida neste retorno ao pasado.

            De Petís á Carrasqueira é unha narración conducida polo humor, acompañada en todo momento polo respecto aos personaxes dos que dá conta, preñada de emoción e nostálxica dun tempo que axudou a construír futuros mellores.

            De Petís á Carrasqueira, da Portela á Banda do Río, polos camiños de Beluso e de Cela e doutras contornas do Morrazo e máis alá, o lector poderá achegarse a unha paisaxe súa, a un tempo vivido ou escoitado para atoparse con seres evocados ou coñecidos, moitas veces do seu propio sangue e algunhas veces con un mesmo. De Petís á Carrasqueira, sen pretendelo, seguro que nos axuda a atoparnos, sexamos ou non os protagonistas directos do relatado."



No hay comentarios:

Publicar un comentario