Só falta que nos cobren por
respirar.
Dito popular.
Na
cámara hiperbárica das recepcións o Dono de Todo contemplaba orgulloso a súa
colección de bombonas de osíxeno, cada unha delas unha peza de museo. Amaba
especialmente aquela de diamantes. Non polo valor en si, senón por ser un
agasallo dos enfermos de silicose. Era estupendo sentir ese afecto intenso dos
traballadores das minas en cada inspiración. Por iso demoraba expirar o aire
que inxería daquela bolleta. Agora degustaba o aire procedente doutra das súas
alfaias favoritas. Bañada en ouro fora un regalo dos traballadores das
cementeiras.
Pero esas lembranzas felices non eran quen de
amainar completamente a súa dor pola inxustiza. Eses revolucionarios de
pacotilla. Revolucionarios? Xentes con gañas de amolar, de molestar, de impedir
un mundo verdadeiramente harmónico. Agora dálles por enfastiar opoñéndose á
privatización do aire.
A dor ía transformándose en carraxe. Respirar é un
dereito? Quen o nega. Tamén beber é un dereito e as augas páganse no
supermercado e págase na factura das empresas da auga; e o whisky, aínda se
paga máis caro, mesmo o viño, licor de deuses, tamén ten prezo. Comer é un
dereito, pero regalamos o xantar? Non creo que estes mequetrefes convertan as
súas casas en comedores de beneficencia. Se cadra pretenden acabar coa
industria da alimentación, coa produción de alimentos. Demagogos!
O aire é libre –din, pero ben que se deleitan en
saborealo envasado. Non será mellor que cada quen teña o aire que merece? Porque
si, moito aire libre, moito aire para todos pero o importante é que cando un
afoga poida botar man dunha botella e insuflarse de aire purificado, limpo.
Que deberiamos esforzarnos en eliminar a
contaminación… pero, de que imos vivir? Que se o aire é irrespirable, agora
volvemos á lei seca, como hai alcohólicos pois prohibimos o alcohol, e, claro,
como hai obesos, deberiamos prohibir as comidas, pois que fagan eles xaxún!
Chegaba a hora da rolda de prensa e o Dono de Todo
sabía que tiña que dar un discurso convincente, á altura do seu nivel de home
de estado.
Permitídeme,
estimados xornalistas, que aproveite este momento para dirixirme aos cidadáns.
Queridos
amigos:
Perdoade que
me atreva a chamarvos amigos. Moitos din, non sen razón, que son o pai da nación,
pero o pai manda sobre os fillos, e eu estou aquí para construír a vosa
felicidade, por iso me considero amigo.
Privatizar o
aire non é un capricho senón unha necesidade. A ocasión única de conseguir un
aire axeitado para todos. Trátase de avanzar na dirección dun aire
personalizado, un aire ao gusto de todos, un aire que satisfaga todas e cada
unha das nosas necesidades; un aire que poidamos degustar cando un queira, ao
ritmo que un queira. Un aire único, nacido, non para sobrevivir, senón para elevarnos
por enriba das nosas necesidades mundanas, como un manxar que, ao tempo que nos
nutre, nos deleita. Un aire que leve o teu nome, e non o vulgar de todos.
A
privatización do aire, ademais traerá cotas de progreso nunca antes vistas,
creará postos de emprego. Miles de postos de emprego, nas empresas de envasado,
de fabricación de bombonas, de etiquetado, de transporte, de mascariñas e, para
o sector de alto standing, cámaras hiperbáricas. Toda esa riqueza redundaría no noso beneficio, no
beneficio de todos e cada un de nós, no beneficio da nosa nación imperecedoira
e do sistema de valores que defendemos.
Sei que hai
persoas que critican o noso proceder pero un servidor público ten que colocarse
por enriba das olladas curtas dos populistas e tomar decisións que melloren a
situación social, que supoñan un avance. Ese é o verdadeiro progreso.
Compatriotas
sei que contarei, neste momento tan crucial da nosa historia, co voso apoio e
sei que moi pronto todos sentiredes as vantaxes deste pequeno sacrificio que agora
se vos pide.
Na Sala de Prensa o aplauso foi atronador e, como
se dun tambor na selva se tratase, faise espallando por toda Libredonia, coma
un son xubiloso, a euforia que se sente cando un sabe que entra noutra era máis
gloriosa.