Non
era o meu desexo publicar o segundo artigo a serie “Delirios de
fútbol” tan rapidamente. A miña intención era intercalalos con outros textos
para que o fútbol non esultase un tema repetitivo, pero a vida manda.
Jesús Nores, un dos protagonistas deste artigo-relato (ambas cousas é: unha ficción real, un relato de non
ficción) xubílase, polo que estas palabras son tamén unha xubilosa homenaxe.
Portada da revista |
Co paso do tempo, esta crónica converteuse nun pequeno refuxio para os seus protagonistas, unha sorte de espazo mítico. Varios dos seus pequenos heroes comentaron que o mellor dos partidos da tempada era o artigo final,
esaxeran un pouco, pois algunhas veces, raras, certo é, tamén o pasabamos ben perdendo.
Como Suso
Nores, tamén remata a súa vida laboral Ismael Vide. Ismael é unha
das persoas que con máis intensidade ten reflexionado sobre o acto de ensinar. Poucas
teñen analizado tanto a forma de transmitir os coñecementos aos alumnos e poucas
desenvolven unha preparación tan intensiva das súas clases. Tamén para el o meu agarimo neste momento.
A gloria dun viceolista
Este é un artigo
en homenaxe ó equipo de profesores do I.B. María Soliño que lograron o
subcampionato de Copa e que está formado por Óscar, Suso, Carlos, Luís, Emilio,
Pedro Pablo, Quico e Salva.
Hai quen cre que non hai
gloria nun vicecolista pero...
Semellaba unha tarde de
ballet e vodka pero rematou por ser unha noite de tulipáns. Rimas Dasaev, aquel
porteiro que nutría os seus movementos do adestramentos cos bailaríns e patinadores e que empurraba como
unha brisa miúda ós pais de Mihailichenko, foi vítima da Philips. Alí, no
Estadio Olímpico de Múnic, un trotamundos inventou curvas ó compás da
electricidade, chamábase Rijkard, un ser que trouxo do Surinam a tecnoloxía
punta do primitivo, do natural....Aquela elipse foi acollida por un lóstrego
denominado Van Basten, a súa volea valía a final da Copa de Europa de
Seleccións....ata os alérxicos temos que
confesar que, as veces, os tulipáns cheiran a marabilla e evocan trenzas e
miradas pícaras.
Suso en acción, coa cabeza alta como os grandes |
¡Raio!, ¡sóame esa presenza! é Luís pero parece
Obdulio Varela, sóame tamén a súa elegancia, ten o porte de Enzo Francescoli,
un dos máximos representantes do pensamento dinámico. ¡ Ese defensa! ¡Ese
defensa! ¿Como non percibe que tamén ten o gatillo de Fernando Morena?
Demasiada vantaxe para un lúcido. Non sei se a intelixencia se fixo potencia ou
a potencia gol, só sei que na porta de Esopo, de La Fontaine e de Monterroso
unha concentración de arañas protestaba polas molestias.
Hai quen cre que o
delirio non é posible entre os que quedan fóra na primeira rolda...
Debuxo do artigo na revista |
Hai quen cre que, aínda
que Pullidor sexa máis renomeado que Roche, non hai memoria posible para o
segundo....
En cuartos de final
agardounos o San Narciso, pero un gambeteo e un tiro seco de Suso levounos á
semifinal, alí agardábanos o Pondal, dous goles de carreira e pegada de Carlos
e outro de Suso tras varias paredes deunos vantaxe pero houbo que recorrer ó
gol de ouro. Foi alí onde Emilio amosou o seu perfil dourado e meteunos na
final.
Foi unha final de veciños, Monte
Carrasco - María Soliño, os vixentes campións de liga lograron un rápido dous-
cero que parecía definitivo, pero alí apareceu Carlos, desta volta escorado á
esquerda, debuxou un toque suave e o balón bicou a rede cun deseño clásico.
Na segunda parte S. recuperou unha parte do sentido da liña de fondo de Butragueño ante o Cádiz,
caneou ó estilo do gran Cruyff e deu o pase da morte para que Pedro
rubricase o gol. Cinco minutos máis tarde, nun contraataque a presenza-distracción
de Pedro posibilitou que S. deitase ó porteiro evocando unha das sortes de
Johnny Red no Mundial de Arxentina, e lograse o empate a tres. Certo que o soño
durou pouco porque minutos antes do final os nosos veciños lograron o gol da vitoria
e do dobrete.
É posible que ninguén mo
crea pero este é un equipo de Óscar, o seu alcume é a obsesión e
aumentou as minutas dos psicanalistas, as ventas de somníferos, antidepresivos
e outro tipo de terapias para dianteiros frustrados ante A MURALLA. A verdade
nunca saberei se te mira con displicencia ou coa grandeza de Lev Yashin.
En fin que cando vexades
os seus perfiles redondeados, as súas sens prateadas, o seu andar
cansiño...pensade que estar derrotado non é o mesmo que ser derrotista e que sempre
hai maxia en calquera músculo con vocación de tacto.