O pasado xoves 15 de
decembro na sede do Museo Liste en Vigo presentouse o nº6 de Adra (Revista dos socios e socias do Museo
do Pobo Galego). Adra é unha
publicación anual que recolle estudos de diversos investigadores sobre variados
aspectos da cultura universal e especialmente da cultura galega, sobre todo do
campo da etnografía. É, na miña modesta opinión, unha mostra da capacidade de
traballo, de sensibilidade destas persoas e sobre todo da riqueza dos costumes
do pobo galego tantas veces esquecidas ou menosprezadas.
Son malos tempos para
a lírica e tamén para a investigación. Este número de Adra tivo dificultades para ver a luz. A crise que todo o cega, que
todo o dificulta, fixo que as axudas institucionais e os patrocinios privados
desaparecesen polo que a súa publicación é unha pequena milagre froito do
esforzo e a xenerosidade dalgunhas persoas, sobre todo o seu Consello de
Redacción.
Este blog é un espazo modesto, con poucas visitas;
é só un lugar case privado onde comparto cos amigos e con quen queira algunhas
das miñas actividades ou as de persoas achegadas, coa única intención de
facelas un pouco visibles, pero agora esta tribuna convértese nun chamamento.
Apoiar a cultura non é só un acto de xenerosidade, nin unha inversión na
procura dunha desgravación fiscal – as axudas económicas ao Museo do PoboGalego (entidade editora), como entidade sen ánimo de lucro, ten a súa
correspondente desgravación–, é, sobre todo, un xeito prestixioso de facerse
visible no mundo, publicacións como Adra,
a través do intercambio de publicacións chegan a institucións moi importantes
dentro e fóra de Galicia. Os empresarios e institucións privadas, etc, amantes
da cultura galega –sei que hai moitas– teñen aquí unha oportunidade para estar
presentes como emprendedores, como amantes da cultura e como seres humanos
comprometidos co seu tempo.
Sempre penso que o importante non é comunicar
dificultades senón proclamar o realizado, celebralo, quero invitarvos a que
leades este número da revista, atoparedes artigos moi interesantes sobre
aspectos do pensamento de Benito Feijoo, sobre as fotografías galegas de
comezos do s.XX de Jules Gervais-Courtllemont, sobre refráns referidos á
muller, sobre as casetas de pescadores de Carnota, sobre o espírito innovador
de Pérez Artime, sobre os pergamiños de Johan Núñez d’Aponte, sobre o mestre e
poeta republicano Acuña e sobre o propio Museo Liste.
O meu amigo Manuel Aldao e un servidor tamén
participamos cun segundo artigo sobre a cultura da auga na nosa Vila, neste
caso no lugar de Bon. Como aperitivo do que podedes ler reprodúzovos un
fragmento da primeira parte publicado no número 5 de Adra:
“Este artigo quere máis que saciar curiosidades, provocalas. Pretende ser
unha pequena achega a un inmenso e non sempre ben ponderado legado. É unha
homenaxe á capacidade dos nosos antepasados para coñecer a natureza e para
aproveitar os seus recursos mediante infraestruturas de simple aparencia (os
lagos, os sifóns, as redes de presas...) pero enormemente axeitadas ao fin para
o que foron creadas; á habilidade para chegar a acordos flexibles, sutís,
xustos, para coa a terra e para con eles, sempre baixo a intención de non danar
a ninguén.
“As augas son xentes”, dicía Derzu Uzala[1]. O Xefe Seattle[2] proclamaba que cada parcela de terra era sagrada e que o murmurio da auga
era a voz do pai do seu pai e polo tanto había que tratala co mesmo agarimo co
que se trata a un irmán. Son verbas de persoas que sentían a natureza, que se
sentían na natureza. Os nosos antepasados tamén aprenderon a dialogar con ela,
a comprender os seus cambios, tantas veces previsibles, a sentir os efectos das
estacións, das horas do día. Ofrecer novos camiños á auga, cando non se lle
impide ser, é unha forma de mostrar agarimo, por iso unha presa pode ser tamén
un agasallo, acoller nun lago é unha oferta de fogar; que augas e campos, augas
e cultivos se encontren sen dano pode ser, sen dúbida, unha declaración de
amor.
Ás veces os homes dedican demasiado tempo ao cultivo
das diferenzas para escavar trincheiras e non para ofrecelas como riquezas
comúns. Convertemos a historia nunha terrible páxina de sucesos onde os heroes
son os aniquiladores do próximo e avergoñámonos de mostrar o camiñar dos que
buscan resolver os conflitos con acordos. Sabemos que a historia que contamos
tamén está chea de picarescas e de traxedias porque ningún código pode evitalas
totalmente pero debemos sentir un xusto orgullo da capacidade dos nosos maiores
para chegar a acordos equitativos, con eles mesmos e coa terra –sagrada non o
esquezamos–; acordos que implicaban traballos comúns, respecto polos dereitos
alleos, polas diferenzas, porque cada pequeno pago era un mundo, pero sempre dentro do espírito de que compartir é
o xeito máis perfecto de superar a necesidade.
Diciamos ao principio que máis que unha descrición este
artigo quería ser un canto, aceptamos, pois, querido lector, as túas dúbidas,
pero comparte connosco que, máis alá de inevitables intermitencias, o esforzo
dos nosos devanceiros por adaptarse ao ciclos da natureza, por poñer en común
os recursos é do “material con que se forxan os soños”.
Estes dous artigos non
serían posibles sen a amabilidade dos nosos informantes, persoas ás que quero
citar aquí con nomes e apelidos: Manuel Arguibay,
José Cruz, Josefa Ferradás Martínez,
Carmen Freire Pousa, José García Novas, Segundo Mandado, Xosé Piñeiro
Martinez, Constante Portela, Isabel Portela, María Pousa Ferradás Manuel Tenorio e Alejandro Vidal Acuña; aos
que nos proporcionaron os documentos base do noso estudo: Xosé Estévez Estévez
(Checho), José García Novas, Antonio Novas Loira Mónica Porto González e sobre todo o investigador Arturo
Sánchez Cidrás; e tamén Xosé Martínez García, profesor e tradutor (ten vertido
na lingua galega a varios dos clásicos latinos, abonda con citar a súa
tradución de A Conxuración de Catilina de Salustio), polas súas observacións
lingüísticas e conceptuais que contribuíron a enriquecer o noso traballo.
Grazas a todos.
Tamén quero agradecer á profesora e
amiga Fátima Braña que fixese posible a nosa participación en Adra e a Manuel Vilar as amables e
xenerosas palabras para co noso traballo na presentación da revista.
Espero que Adra siga a ser unha publicación viva, fecunda, que recolla parte
da esencia do noso ser e que a sociedade
galega non permita a súa desaparición.
[1] Derzu Uzala era
un cazador da tribu Hezhen, nómade e animista. Vladimir Arneniev escribiu unha
obra do mesmo nome na que narra o seu encontro con este personaxe. Akira
Kurosawa levouna ao cine en 1974, obtendo ao ano seguinte o Óscar a mellor
película en lingua non inglesa. De esta última obra extraemos a cita.
[2] É de dominio
xeral que o discurso que hoxe citamos atópase moi alterado respecto do
orixinal.
Ola Salva,
ResponderEliminarparabéns polo teu traballo e por esta nova entrada da que me falaras. A ver se dou publicado o meu comentario!!
Un saúdo