A Asociación Ricardo Gómez Buceta está a organizar unhas xornadas sobre tres momentos da historia de Bueu. A este redactor lle correspondeu a honra de presentalas. Comparto as palabras que pronunciei na presentación por se puidesen animar a alguén a asisitir ao resto das xornadas pendentes.
PALABRAS A MODO DE PRESENTACIÓN
Ricardo Gómez Buceta |
Hoxe, unha asociación leva o seu nome, unha asociación para a cultura e para o debate. E na súa honra e para a de todos os que acá e acolá, deste o desoutro pensar, sufriron persecución e morte, van estas charlas.
Luís Eduardo Aute cantaba: “el
pensamiento es estar siempre de paso, de paso”, por iso estas conferencias non
reciben tal nome, senón o de travesía, a modo de pequenas pero fondas andainas
a través da historia de Bueu. En realidade, estas son travesías, pero sobre
todo singraduras, pequenas navegacións.
Un ser humano non pode navegar toda
a mar océana, como non pode transitar o infinito nin abarcar todos os tempos.
Así que seleccionamos como se dunha trinidade se tratase (tres períodos, tres
épocas, en un único Bueu) tres dos momentos máis salientables da historia da
nosa vila: O Bueu romano, Ermelo e a cristianización do Morrazo e a Industrialización
de Bueu.
Escavacións na zona de Petis/Pescadoira |
A segunda conferencia tratará sobre
Ermelo, ese lugar ermo, solitario na que Belarmino Barreiro cre ver o “berce do
Morrazo, o pai espiritual fundador, a raíz dende a cal se poboaría esta
península”. Fermosas e creo que sabias palabras. En España, Galicia non é unha
excepción, adoitase desprezar aos estudosos, aos investigadores. Os eruditos
reciben comentarios despectivos. Un profesor de crítica literaria díxonos unha
vez: “en español erudito es peyorativo como Agapito”, outros menos puerís pero,
se cadra, peor intencionados definen ao erudito como “un coleccionista de
minucias”. E desa visión nacen os tiros que ao xeito de escopetas recortadas
(hoxe, igual que no tempo de Neruda, “los pistoleros se pasean con la cultura
occidental en brazos) van acabando coa investigación a base de forzar ao exilio
aos investigadores.
Convén por iso dicir que quen se
mergullaron na documentación de Ermelo, nos vellos papeis, se cadra cheos de
piolla, non son os causantes do gasto superfluo, senón que nos devolven á vida
o nome palpitante dos seres que habitaban noutras épocas ese fermoso lugar
solitario, nacemento do único río que nace frade na Fonte Bieita e morre bispo
alá na Banda do Río. Regálannos os nomes de Pero Monxe, Martín Pelagio, Martiño
Sarmiento....e con eles o nacer e o palpitar da nosa bisbarra.
Museo Massó, restos da salga (foto: Roberto González) |
Pero o Bueu contemporáneo non sería comprensible sen a industrialización, sen a industria da salga que logo derivaría cara a conserva. A paisaxe da nosa infancia está chea de imaxes de mulleres saíndo das fábricas, das chamadas sonoras que se espallaban pola vila...Esa forma de vida era consecuencia do labor de fomentadores, moitos deles foráneos que transformaron os modos de produción e con eles tamén as mentalidades. Esa será a terceira das nosas singradura.
Este ciclo non podería ter mellor
lugar para celebrarse que este Museo Massó. Dona Covadonga López de Prado como
responsable do Museo nos dará logo a benvida pero, sen negarlle o seu poder
como depositaria das chaves da casa, seguro que non se molesta se digo que,
dalgúns xeito, todos podemos darnos a benvida ao noso lar, ao lume do fogar, os
de Bueu porque aquí reside a memoria dunha parte moi significativa da nosa
historia e os de fóra porque aquí mora un anaco de cultura, universal por
definición.
Nada máis, agradecervos á Asociación
Ricardo Gómez Buceta a oportunidade que me deu de compartir convosco estas
palabras, ao Museo Massó por acollernos, unha vez máis no seu interior, a
Fructuoso por acudir á nosa chamada e por axudarnos a vernos aínda con máis
claridade e a todos vós por asistir e
pola vosa amable escoita.
INFORMACIÓN FINAL:
Primeira conferencia: éxito de público (foto: Roberto González) |
13 de setembro: O Bueu romano. O forno de ánforas e a salga romana en Pescadoira por Fructuoso Díaz García. Dirección da escavación.
20 de setembro: A cristianización do Morrazo. A importancia do antigo Mosteiro de Ermelo por Pablo S. Otero Piñeyro Maseda e Miguel Romaní Martínez.
27 de setembro: A industrialización de Bueu. A salga e a pesca da sardiña nos s.XVIII e XIX por Arturo Sánchez Cidrás e Xosé Manuel Cerviño Meira.
Para saber máis: Vídeos na Web de Arturo Sánchez Cidrás