miércoles, 29 de junio de 2011

O MORRAZO CON TODOS OS SENTIDOS



“¿Por qué la necesidad de saber ha de ser enemiga del placer de leer?”
Eduardo Galeano: Ser como ellos y otros artículos
No tempo da insensibilidade, dos balances económicos por enriba de calquera outra razón, sorprende atoparse cunha asociación de industrial e comerciantes como FECIMO (Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo) comprometida co medioambiente con campañas de sensibilización e con actividades e compromisos concretos; implicada na conservación da riqueza histórica e cultural.
No tempo do individualismo, da presunción fatua e mediática, chama a atención a existencia de persoas defensoras da ética do comunitario, practicantes do traballo en grupo. Son dos “bos e xenerosos” que entenden a voz da paisaxe, das palabras antigas, das pedra…
O Morrazo con todos os sentidos (Guía dos recursos naturais e patrimoniais) nace dese espírito común de FECIMO e dos autores, medra no emotivo diálogo coa bisbarra, madura na contemplación da paisaxe, na escoita das augas e dos ventos, na degustación dos froitos do mar e da terra, no olfactear das leiras sementadas, das fragas fragrantes; no roce das areas cálidas e dos musgos dos camiños fondos; pervive pois na sensualidade como alento de reflexión (v. vídeo).
O Morrazo con todos os sentidos, presentada o pasado 25 de Maio no Auditorio de Cangas, non é unha guía ao uso, non pretende descubrir, inventariar, lugares e monumentos, vai máis alá, mergúllase no intento de seducir, de ofrecer a posibilidade de descubrise a un mesmo na paisaxe propia ou invitar a atoparse nunha contorna descoñecida pero sempre túa.
O Morrazo con todos os sentidos é unha memoria, un recordatorio, unha lembranza de todo aquilo que debemos conservar porque é un legado dos devanceiros e que non nos pertence a nós senón as xeracións vindeiras. Conservar que implica necesariamente avanzar, evolucionar, mellorar, progresar e esta é unha tarefa de todos e cada un de nós.
Dende o punto de vista estrutural a guía divídese en catro capítulos, un por cada concello: Marín, Bueu, Cangas e Moaña, cada un deles cunha cor característica para facilitar ao lector foráneo a pertenza dun monumento a unha ou outra vila. Ao final de cada capítulo existe unha ruta de sendeirismo para os amantes do camiñar. Acompañan a guía un mapa de cada poboación coa posición dos restos e lugares máis salientables. Con todo o característico desta obra é que non é unha mera descrición, quere contar, narrar, os lugares, os monumentos, as historias…por iso adopta formas literarias diferentes para cada concello: un diálogo, unha carta, un consello, unha reportaxe, porque a necesidade de saber non é inimiga do pracer de ler, segundo a acertada sentencia de Galeano.
Non podo rematar esta breve recensión sen falarvos dos autores, persoas que inverteron o seu tempo e saber a cambio do “lucrativo” interese de compartir a riqueza desta comarca. Deixádeme que vos fale deles, aínda que sempre foxen das cerimonias públicas, que o faga con certa solemnidade en homenaxe ao moito que aprendín con eles neste camiño que transitamos xuntos e na que me tocou a honra de ser o coordinador.
Belarmino Barreiro Rosales: filólogo, arquiveiro do Concello de Bueu onde desenvolveu unha importante labor de organización e recuperación de documentos de grande interese histórico. Autor de obras como En la ruta del románico: La iglesia sanjuanista de Santa María de Cela ou “A adscrición municipal do arquipélago das Illas Ons e Onza”.
 Roberto García Causo, historiador e cronista deportivo, foi redactor da revista do Sporting de Xixón e do semanario Don Balón, co autor da obra Mares e terras do Morrazo.
Xosé Manuel González Barreiro “Oli”: mestre, colaborador da Revista Galega de Educación e coordinador da editorial Kalandraka. É un prolífico e premiado autor de literatura infantil e xuvenil. Da súa obra está traducida a varios idiomas cómpre mencionar, Anibal quere encoller, O pirata de lata ou Once damas atrevidas. Tamén participou no ensaio Unha maré de palabras (contribución ao léxico do Morrazo) ().
Manuel Pérez Rúa é sociólogo, traballou nun estaleiro ata a reconversión industrial, na actualidade é coordinador cultural do Concello de Moaña, foi galardoado co premio Ramón Piñeiro de ensaio 2009 pola súa obra Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social da xeración de 1950, con anterioridade publicara Moaña e participou na redacción do libro Galicia SL.
Manuel Reboredo Tajes, profesor de ensino secundario, doutor en historia cunha tese titulada: A cultura castrexa nos vales dos ríos Lérez-Almofrei e Verdugo-Oitavén, ten publicados numerosos traballos sobre a patrimonio no Concello de Cotobade.
Sonia Valladares Rodríguez traballa na Universidade de Vigo e é enxeñeira en Telecomunicacións,  colaboradora na Tribuna Libre do Faro de Vigo, autora de varios relatos breves e coautora dos seguintes artigos:"Information and Communication Technologies in Higher Education. How do students perceive their benefits?" , presentado no congreso: SIIE’09: XI INTERNATIONAL SYMPOSIUM ON COMPUTERS IN EDUCATION, "Information technologies in higher education. A student perception survey" e "Female Engineering Students’ Perception on the use of Information technologies".
Juan Carlos Villegas García: historiador, ten publicados distintos traballos sobre o patrimonio de Marín na revista Portocelo e colaborado en numerosos textos divulgativos sobre a historia desta vila. Na actualidade está a rematar un estudo sobre os muíños do Río Loira.
Anímovos a todos a ler a guía e a achegarvos á Península do Morrazo.