domingo, 15 de mayo de 2011

URBI ET ORBI (Dende o galego para o mundo)


                O escritor Álvaro Cunqueiro proclamaba que hai terras que son “viciosas de camiños”, terras que son camiños, condenadas eterna e gozosamente a ser transitadas, a ser levadas de aquí acolá nun camiño de quitaepón. Terras que “here, there and everywhere”, como a canción dos Beatles, teñen falas que deben ser celebradas, urbi et orbi, bendicidas porque os camiños, como tamén dicía o mestre de Mondoñedo, son como os sucos e “así como os sucos dan o pan, os camiños dan as xentes, as falas, os países…” É seguro que todas as terras son camiño e todas dan falas.
                Sucede que nesta fisterra do atlántico hai unha fala, bendicida de versos e de prosas centenarias e contemporáneas, bendicidas de palabras que voan para pousarse, para aniñar no corazón de calquera ser humano sensible.
                O pasado xoves, día 12, presentouse na librería Maraxe, en Cangas do Morrazo, Urbi et orbi (Dende o galego para o mundo) un libro que é unha celebración, un intento de mostrar como a sensibilidade de moitos acolás é quen de acoller historias de acá. Urbi et orbi non é pois un tratado sobre as traducións da literatura a outras linguas senón unha feira, unha sorte de zoco, con postos de medio mundo no que aparecen textos orixinariamente galegos, vertidos en novos recipientes.
                Esta publicación debida a Henrique Harguindey, Xosé Martínez, Ramón Rocamonde e un servidor, ten a súa orixe nunha exposición escolar apoiada polo equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do IES María Soliño de Cangas, coordinado polo profesor Ismael Vide. Trataba de espertar entre os educandos unha ollada sorprendida sobre unha literatura que acaso por próxima non era percibida dabondo, trataba de espertar miradas novas a partir de miradas alleas; ao fin e ao cabo un acaba por ser distinto contemplado nuns ollos amantes.
                Aquela mostra converteuse en libro porque precisaba permanecer no tempo, porque tiña que chegar a novas mans, porque había que recoller novos aspectos que non cabían no antigo formato. O texto consta de tres partes, unha introdución, unha explicación dos principios que a inspiraron, do proceso de elaboración e dos aspectos históricos e lingüísticos máis salientables. Reproducimos a continuación un fragmento deste limiar:
Acaso non hai nada que axude máis a medrar que a capacidade de asombro, a sensibilidade que nace do rexeitamento da indiferenza como actitude vital. Ao noso carón están presentes realidades fecundas que non percibimos a forza de non contemplalas con ollos virxes. Moitas veces a ollada dun sueco, como Staffan Mörling, fascinado polas pequenas embarcacións, a dun poeta xaponés, como Akocha Koato, para quen “as marisqueiras[1] peitean areas”, a dun ruso, como Roman Jakobson –xenio incuestionable da lingüística–, sobre Martín Códax, lémbranos riquezas que xa case non notamos. O máis triste é que aquí, no país, persoas que deberían coñecer, destacar e fomentar a nosa cultura, cualifícana de “ensimesmada e pechada”, como se fose menos universal falar das memorias dun neno labrego ca das peripecias dunha familia de Oklahoma explotada pola usura capitalista durante a Grande Depresión; como se denunciar as complicidades co nazismo puidesen valer dous Premios Nobel e, en cambio, narrar a barbarie represiva da Guerra Civil e a posguerra española fosen temas impropios da creación literaria; como se falar da fundación de Roma, da Guerra de Troia, do Dublín de principios do século XX, fose menos local que falar de Auria, de Compostela ou de Lestrove. Non deixa de ser curioso que se empregue o adxectivo pechada para se referir a unha literatura chea de Sinbad, de Merlín, de Percival e tantos outros personaxes de acolá. A literatura galega asemella máis o espello borgeano, aquel que nos descobre, no reflexo, unha realidade nova pero semellante, porque o sentir dos galegos, contado nunha lingua propia  – polo demais universal–, é unha emoción pola que calquera ser humano pode transitar, pola que calquera ser humano pode navegar…
                O segundo apartado é unha mostra de textos no orixinal galego acompañados da súa versión noutras linguas. Tenta ser un escaparate da maioría dos idiomas (foi imposible conseguilos todos) aos que se verteron escritos literarios galegos, coidando que aparecesen, polo menos, unha obra por idioma e autores de todas as épocas e tipos de literatura pois, por exemplo, a literatura infantil e xuvenil galega ten unha repercusión exterior extraordinaria.
                A terceira parte reproduce (VER VÍDEO) unha entrevista con Xosé Luís Méndez Ferrín na que o autor reflexiona sobre os aspectos máis salientables da tradución: Existe a literatura universal ou existen literaturas? É a obra versionada a mesma que a orixinal? Que sinte un autor ao verse traducido a outras linguas?...
                Urbi et orbi non é unha obra só dos autores, é posible grazas a colaboración de moitas persoas, dos escritores e editores galegos que “bos e xenerosos”, entendedores do noso proxecto, cederon os seus dereitos para que os seus textos puidesen ser reproducidos; dos membros dos equipos directivos e do Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística do IES María Soliño; do maquetador Fernando Soliño, traballador sensible e artista que deu fermosura a este obxecto, de Xosé Bangueses, presidente de FECIMO, amigo e sementador de cultura, e doutras persoas que quedan no silencio deste blog pero non na indiferenza da nosa emoción.
                Urbi et orbi naceu do agarimo, do amor profundo a unha lingua, e tamén do deleite da lectura literaria e do deleite culinario dos manxares cos que, moitas veces, nos agasallaban nos momentos de traballo. Nel está encerrada unha marabillosa historia de amor, mostra clara da forza que a literatura, calquera literatura, a galega tamén, ten na vida das persoas.
Porque “todo el ritmo de la vida pasa/ por este cristal de mi ventana…/¡Y la muerte también pasa!” como sabiamente dicía León Felipe, deixádeme que remate con outro fragmento do libro, unha mostra de amor constante máis alá da morte:
William Rueter é un artista canadiano. En Toronto ten unha pequena editorial artesanal, The Aliquando Press.  A súa muller, Marilyn, axúdao na edición de libriños que son verdadeiras xoias.
                En 1995, William e Marilyn fan unha viaxe a Nova Iorque e no norte de Pennsylvania, nun centro comercial, descobren un disco de música do século XIII que os deixa totalmente fascinados. Prometen viaxar a Europa para seguiren o roteiro daquela música.
               Infortunadamente, aquela sería a súa derradeira viaxe: en xuño do mesmo ano Marilyn ingresa nun hospital para un transplante de médula ósea e debido a inesperadas complicacións fina en xaneiro de 1996.
               William publicará nese ano un precioso libriño que dedica For Marilyn, always: “Este libro foi realizado para celebrar a vida de Marilyn Rueter e para honrar a súa memoria. O seu amor estará sempre connosco”.
               Entendemos ben os gravados do artista, dúas ilustracións en anverso e reverso que forman no fondo tan só unha, dous rostros que veñen sendo o mesmo: o amigo e a amada, o amado e a amiga.
               E resoan con toda a súa tristura as palabras dun dos poemas daquel disco, reproducido na páxina da dereita na versión inglesa de Rueter, co texto en lingua orixinal na páxina da esquerda:
                                               No one is here  
                                               to care for my  
                                               except my eyes,              
                                               always weeping:            
                                               so deeply in love.
                                               I have no one   
                                               to watch over me,         
                                               only my eyes    
                                               ever weeping:  
                                               so deeply in love.
               Son –é claro– versos de Martín Códax[2], o poeta galego da ría de Vigo, escritos hai oitocentos anos.
               Palabras que alancan por riba dos océanos, que choutan por riba dos séculos.
Pois se Martín Códax segue cantando para un corazón canadiano, se Rosalía segue a falarlle á xente de hoxe, remocicada en novas linguas, se os nosos escritores son quen de facer abalar o sentimento de habitantes de toda a rosa dos ventos neste século XXI, daquela é certo que a forza do noso amor non pode ser inútil.
Por máis que a falta de coidado e agarimo ameace con sepultar a nosa fala baixo mil invernos, a vontade de vivir dun pobo haos virar en mil primaveras máis para a lingua galega.

Para saber máis: Entrevista na radio.


[1] En galego dentro do xaponés orixinal.
[2] Cantigas de amigo. Martim Codax. The Aliquando Press. Toronto, 1966. O libro, de só 60 exemplares de tiraxe, gañou un dos premios que en 1998 concedeu a Canadian Bookbinders and Book Artist Guild con ocasión do seu décimo quinto aniversario.