martes, 17 de abril de 2012

XXV ANIVERSARIO DO CLUB XADREZ BUEU


                Fronte á caducidade da vida, se cadra, hai que manter a vixencia dos misterios. En cada segundo, en cada hora, en cada día... caben infinitas vivencias, millóns de emocións, centos de nacementos. Sucede que case sempre este caudal desaparece na memoria efémera, pero non por iso menos fértil, dun ser humano, da persoa que o transforma en latexo vital. Hai ocasións en que a semente dun día dura case eternidades.

                O 18 de abril de 1506, o papa Xulio II coloca a primeira pedra do que habería de ser a Basílica de San Pedro, na cidade do Vaticano. Dende entón, peza a peza foise erguendo a través do talento dos seus deseñadores e do traballo, humilde e anónimo pero non por iso menos importante, dos obreiros; foise levantando como un berce de marabillas pictóricas e escultóricas.

                Moitos anos despois, tamén un 18 de abril, o Club Xadrez Bueu, disputou a súa primeira partida. Foi na vila de Caldas de Reis e tivo como protagonistas a José Gestido Villanueva, Antonio Anadón Máñez, Fernando Recamán, José Manuel Portela Pazos e un servidor. Naquelas datas, voces moi autorizadas advertíannos que, se chegásemos a durar dez anos, sería un verdadeiro milagre. Hoxe celebramos un cuarto de século coa esperanza de durar un pouco máis.

                As estatísticas certamente empobrecen a realidade e, por máis que a cuantifiquen, non a explican. Con todo non podo resistirme a colocar aquí os resultados máis salientables desta nosa pequena historia:

Campionatos:
Torneo San Roque de Vilagarcía                                              1987
Primeira División Galega                                                            1994
3ª División Galega (Equipo B)                                                   1994
Torneo das Letras Galegas                                                          1994
Mellor Clube de Bueu                                                                  1994
Torneo Reis de Moaña                                                                 1995
Copa Breogán                                                                                  1995
Segunda División Galega (Equipo B)                                      1997
Primeira División Galega                                                            1998
Segunda División Galega (Equipo B)                                      2000
Terceira División Galega (Equipo C)                                       2000
Primeira División Galega                                                            2003
2º División (Equipo B)                                                                  2005


Subcampionatos:
3ª División (Equipo B)                                                                   1991
1ª División                                                                                         1993
1ª División                                                                                         1997
1ª División                                                                                         2001
2ª División (Equipo B)                                                                   2002
2ª División (Equipo B)                                                                   2003
3ª División (EquipoC)                                                                    2003
1º División                                                                                         2009
                 
          Cada un dos case cinco centenares de xogadores federados, cada un dos máis de mil rapaces da escola de xadrez deixaron unha pegada fonda pero é imposible recollelos a todos aquí, por iso, aínda a forza de ser inxusto, colocarei aquí dez nomes como representación de todos.

ABELLEIRA, Daniel:

Campión zonal xuvenil da zona de Vigo en 1987, é un estudoso do xadrez, a súa comprensión estratéxica é moi fonda e domina como poucos a difícil arte do contraataque. Vexamos unha primorosa vitoria diante de Fernández Saavedra, cun magnífico sacrificio de dama.


                 
                ANADÓN MÁÑEZ, Antonio:

Socio fundador, o seu alcume é “a táboa de salvación” porque en moitos momentos delicados consegue puntos para os seu equipo.  Destaca polo seu xogo posicional, pola comprensión estratéxica. Vexamos a súa partida fronte a Rodríguez
               


                COSTADO DIOS, Luís:

                É opinión unánime que Luís Costado é un artista, un xogador deslumbrante e imaxinativo. Detrás da súa mente de enxeñeiro está o enxeño mesmo pero tamén a maxia que fai do xadrez unha arte. No seu historial se inclúen o campionato ex-aequo no torneo Galaecia de Ourense, o da Zona Peatonal, o do Bar Manos de O Grove, o do Torneo Caramuxo, ou exaequo o do Torneo Zonal-Provincial. Os seus sacrificios posicionais son inesquecibles como as súas vitorias diante de Spassov (un dos poucos grandes mestres que venceu a Karpov nas súas mellores horas), de Estremera, de Pérez Negro... Vexamos unha mostra desta arte, como vence a Spassov
               


                GESTIDO VILLANUEVA, José:

Foi o primeiro presidente do club. É un xogador de estilo universal pois domina a arte da defensa ao mesmo nivel co ataque, o xogo posicional e o táctico. Entre os seus logros destacan, os terceiros postos no zonal absoluto e de semerápidas, as táboas co Grande Mestre e exseleccionador da URSS, Alexei Suetín, nunhas simultáneas en Caldas de Reis ou as súas táboas co Mestre Intenrnacional Rivera no Torneo Peregrina de Pontevedra.  Como exemplo do seu nivel mostramos a súa partida diante do malogrado Dios, cun dobre sacrificio (inmortal) de torre na que convén observar as sutilezas táctica como a intercepción do bispo.


                LEMOS VIZCAYA, Tomás:
               
              Actual presidente do club, foi campión zonal xuvenil en Santiago na súa época estudiantil. O mellor do seu xogo é a comprensión posicional, a corrección e a elegancia coa que xoga. Sirva a súa partida contra Paredes, no Torneo Internacional Virxe Peregrina, como mostra.


                LÓPEZ RIVEIRO, Marcos:

A seguridade e a precisión das xogadas son as características máis salientables do seu estilo. As súas partidas son un exemplo de xogo paciente e lóxico, de exactitude, de busca da perfección. Entre os seus logros deportivos destaca o Torneo Zonal-Provincial. Vaia a súa vitoria diante da Mestre Internacional Yudania Hernández como exemplo.



                MORALES GÓMEZ, Manuel:

Non podemos dicir que Bueu fose un deserto no campo do xadrez, na barbaría de Toñito un grupo de afeccionados se divertía co xogo de Caïsa, ademais os mestres Manuel Conde e Manuel Omil desenvolveron unha importante labor de divulgación deste deporte. Con todo, o doutor Morales, catedrático de matemáticas dun instituto leonés, organizou uns importantes torneos no Círculo Náutico que permitiu aos rapaces da vila enfrontarse con rivais de alto nivel e mellorar así o seu. Morales é, ademais, un forte xogador, cheo de enxeño capaz de empatar unha partida simultánea co futuro campión mundial Veselín Topalov ou gañar unha partida a campioa de España en exercicio Nieves García.

RIVAS MARIÑO, Diego:

Este antigo subcampión zonal-provincial alevín é un amante do risco e das combinacións espectaculares, sabe colocar as pezas no lugares máis axeitados,


                SANTACLARA RODRÍGUEZ, Ramón:

Posiblemente o seu campionato galego xuvenil sexa un dos cumes dos resultados do club, ademais foi elixido mellor deportista de Bueu en dúas ocasións, gañou o Torneo Peón de Ouro na categoría xuvenil, o Torneo Ibérico en Coimbra, o San Miguel, o Virxe do Carme ou o Memorial Benito Sánchez entre outros.

                Destaca pola súa tenacidade, pola comprensión profundísima da arte da defensa e da profilaxe. Del dixo o M.I. Boris Zlotnik, un dos mellores adestradores do mundo, que tiña unha capacidade fóra do común para comprender as peculiaridades das estruturas de peóns. Vexamos a súa vitoria diante de Pérez Fungueiro no campionato galego xuvenil.




               Compre reseñar que Ramón foi o segundo presidente do club.


             TORRE ALFONSO, Jesús de la:

3º presidente do club é un táctico excelso, o seu cerebro é un bule bule de ideas. Ten a habilidade de converter o taboleiro nun campo de minas a cada instante. A súa vitoria en simultáneas diante de Graf, campión europeo en exercicio, pode ser dos momentos máis salientables. 

               Este exemplo que temos a continuación é un exemplo como xa mesmo dende a apertura non deixa de plantexar enormes problemas aos seus adversarios.



                 Permítame o amable lector compartir unha produción propia, non é a mellor partida, nin a máis importante, tráioa aquí por ser a conmemoración dun nacemento, xogueina aos poucos días de nacer o meu primeiro sobriño, e hoxe é un símbolo de que a este club lle faltan moitos nacementos que celebrar.

              


Por último quero traer celebrar a alegría, a alegría de moitos momentos e que mellor que unhas viñetas de Luís Davila para iso. As viñetas foron dedicatorias que este extraordinario debuxante e artista me fixo das súas recompilacións do Bicheiro e están reproducidas co permiso do autor. Queden aquí as miñas palabras de agradecemento.

viernes, 27 de enero de 2012

EL CINE DE THEO ANGELOPOULOS


Quiero dedicar esta entrada a mis amigos:

Dolores Martín Diego, la  primera persona que me insistió en que viese La mirada de Ulises.

A Ana Baliñas, poeta y guionista, capaz de amar lo sutil de las imágenes y de las palabras.

A José C. Manzano, cineasta, de quien tanto he aprendido del séptimo arte y con quien comparto el gusto por Angelopoulos.

A Isabel Armesto, hiladora de nudos, portadora de miradas, que me regaló una copia de La mirada de Ulises.

A Carmen Soto Cano por las muchas horas compartidas en torno al cine.



    Existe todavía un cine que te convierte en “coleccionista de miradas desvanecidas” , porque la fuerza de sus imágenes es más fuerte incluso que la de sus personajes o de sus historias.

    El cine de Theo Angelopoulos nos invade de asombro, nos conmueve, no desde la historia, no desde los personajes sino, sobre todo, desde las imágenes , no aquellas que vemos, sino aquellas a través de las cuales vemos. Un periodista que parece levantar el vuelo en la línea de una frontera (El paso suspendido de la cigüeña), unos niños que abrazan a un árbol porque no han podido abrazar a un padre (Paisaje en la niebla), los desheredados que esperan en las nevadas  montañas fronterizas poder pasar al otro lado y cuyo rostro anónimo casi ni vemos (La mirada de Ulises) son fotogramas que llegan a encarnarse en nuestra propia retina.

    Angelopoulos se caracteriza por una gran fascinación por el cuadro único, con largas e interminables tomas. Baste decir, a modo de ejemplo, que una película americana de hora y media de duración suele tener entre 200 y 600 planos, las de este autor griego, cercanas más a las tres horas apenas llegan a la décima parte. Este rasgo no es una manía estilística, sino una invitación al espectador para que participe en la creación. En opinión de Schutte : “Las largas tomas, los planos secuencias, panorámicas lentas y planos largos son escenas de un viaje por el mundo". Su compleja estructura obliga al espectador a su propio desplazamiento interior.

    Es un cine pues de meditación que fuerza al espectador a reconstruir los acontecimientos, muchos de ellos no vistos ni oídos en la pantalla lo que consigue el efecto de abrir la película.

    En la filmografía de nuestro autor, tiene una gran importancia la historia, íntimamente relacionada con los mitos griegos (clásicos, bizantinos o modernos) . Un ejemplo claro es La mirada de Ulises. Trata de un Odiseo terrestre que busca su propia Ítaca (la primera película rodada en Grecia) . Va reconstruyendo el trayecto que las bobinas, aún sin revelar, han realizado a lo largo del tiempo y,  a través de ese trayecto, la historia trágica de los Balcanes, de modo que, cuando atraviesa una frontera  se produce un salto en el tiempo  que nos permitirá contemplar los horrores del nazismo, del estalinismo…hasta desembocar en la trágica Sarajevo donde Penélope tendrá su final , tiroteada mientras tocaba su música, con una orquesta de paz, escondida en la niebla.

    Angelopoulos bebe en los principios estéticos de Bertolt Brecht, obliga al espectador a considerar las limitaciones de lo ficticio. No hay más que ver el comienzo de El viaje de los comediantes con el telón del teatro cerrado, que luego se levanta, o la búsqueda de la película de los hermanos Manaría en La mirada de Ulises. Los personajes son también creados desde el exterior, evitando la catarsis, obligándonos, una vez más, a iniciar una búsqueda.

    Podríamos enumerar muchas otras características del cine de este autor, la preferencia a filmar en la Grecia rural , la crítica a la ausencia de tolerancia (La mirada de Ulises comienza con una manifestación religiosa contra la exhibición de El paso suspendido de la cigüeña) , la dificultad de establecer una sociedad en la que, al mismo tiempo, puedan crecer los individuos sin miedo y represión (en Paisaje en la niebla, los niños huyen de todos sus congéneres que no hacen otra cosa que abusar de ellos, para lograr la libertad).

    Pero quizás la característica, junto con el poder de la imagen y en relación con ella, más importante de nuestro autor es que, pese a no creer en verdades y soluciones absolutas, su cine sugiere trascendencia, acaso porque como diría Platón: “para conocer el alma, un alma tiene que mirar dentro de un alma”. Los técnicos de teléfonos, colgados con sus chubasqueros amarillos de los postes intentando unir los cables al final de El paso suspendido de la cigüeña, el abrazo al árbol de los niños que no pueden abrazar a su padre en Paisaje en la niebla o la enorme mano transportada, quién sabe dónde, por un helicóptero casi al final de la misma obra, nos sitúan delante de la incierta trascendencia que puebla todo el cine de este autor griego.

    Será por todo esto que como decía Horton :”las películas de Angelopoulos nos descubren lo que sólo el cine puede descubrir y que, debemos añadir, sólo raramente consigue descubrir”. Por ello, al igual que la primera vez que pude contemplar La mirada de Ulises, no puedo sino levantarme y decir en el silencio de mi hogar: “Muchas gracias, Sr. Angelopoulos”.

miércoles, 21 de diciembre de 2011

ADRA



                O pasado xoves 15 de decembro na sede do Museo Liste en Vigo presentouse o nº6 de Adra (Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego). Adra é unha publicación anual que recolle estudos de diversos investigadores sobre variados aspectos da cultura universal e especialmente da cultura galega, sobre todo do campo da etnografía. É, na miña modesta opinión, unha mostra da capacidade de traballo, de sensibilidade destas persoas e sobre todo da riqueza dos costumes do pobo galego tantas veces esquecidas ou menosprezadas.
                Son malos tempos para a lírica e tamén para a investigación. Este número de Adra tivo dificultades para ver a luz. A crise que todo o cega, que todo o dificulta, fixo que as axudas institucionais e os patrocinios privados desaparecesen polo que a súa publicación é unha pequena milagre froito do esforzo e a xenerosidade dalgunhas persoas, sobre todo o seu Consello de Redacción.
Este blog é un espazo modesto, con poucas visitas; é só un lugar case privado onde comparto cos amigos e con quen queira algunhas das miñas actividades ou as de persoas achegadas, coa única intención de facelas un pouco visibles, pero agora esta tribuna convértese nun chamamento. Apoiar a cultura non é só un acto de xenerosidade, nin unha inversión na procura dunha desgravación fiscal – as axudas económicas ao Museo do PoboGalego (entidade editora), como entidade sen ánimo de lucro, ten a súa correspondente desgravación–, é, sobre todo, un xeito prestixioso de facerse visible no mundo, publicacións como Adra, a través do intercambio de publicacións chegan a institucións moi importantes dentro e fóra de Galicia. Os empresarios e institucións privadas, etc, amantes da cultura galega –sei que hai moitas– teñen aquí unha oportunidade para estar presentes como emprendedores, como amantes da cultura e como seres humanos comprometidos co seu tempo.
Sempre penso que o importante non é comunicar dificultades senón proclamar o realizado, celebralo, quero invitarvos a que leades este número da revista, atoparedes artigos moi interesantes sobre aspectos do pensamento de Benito Feijoo, sobre as fotografías galegas de comezos do s.XX de Jules Gervais-Courtllemont, sobre refráns referidos á muller, sobre as casetas de pescadores de Carnota, sobre o espírito innovador de Pérez Artime, sobre os pergamiños de Johan Núñez d’Aponte, sobre o mestre e poeta republicano Acuña e sobre o propio Museo Liste.
O meu amigo Manuel Aldao e un servidor tamén participamos cun segundo artigo sobre a cultura da auga na nosa Vila, neste caso no lugar de Bon. Como aperitivo do que podedes ler reprodúzovos un fragmento da primeira parte publicado no número 5 de Adra:
              “Este artigo quere máis que saciar curiosidades, provocalas. Pretende ser unha pequena achega a un inmenso e non sempre ben ponderado legado. É unha homenaxe á capacidade dos nosos antepasados para coñecer a natureza e para aproveitar os seus recursos mediante infraestruturas de simple aparencia (os lagos, os sifóns, as redes de presas...) pero enormemente axeitadas ao fin para o que foron creadas; á habilidade para chegar a acordos flexibles, sutís, xustos, para coa a terra e para con eles, sempre baixo a intención de non danar a ninguén.
                   “As augas son xentes”, dicía Derzu Uzala[1]. O Xefe Seattle[2] proclamaba que cada parcela de terra era sagrada e que o murmurio da auga era a voz do pai do seu pai e polo tanto había que tratala co mesmo agarimo co que se trata a un irmán. Son verbas de persoas que sentían a natureza, que se sentían na natureza. Os nosos antepasados tamén aprenderon a dialogar con ela, a comprender os seus cambios, tantas veces previsibles, a sentir os efectos das estacións, das horas do día. Ofrecer novos camiños á auga, cando non se lle impide ser, é unha forma de mostrar agarimo, por iso unha presa pode ser tamén un agasallo, acoller nun lago é unha oferta de fogar; que augas e campos, augas e cultivos se encontren sen dano pode ser, sen dúbida, unha declaración de amor.
                Ás veces os homes dedican demasiado tempo ao cultivo das diferenzas para escavar trincheiras e non para ofrecelas como riquezas comúns. Convertemos a historia nunha terrible páxina de sucesos onde os heroes son os aniquiladores do próximo e avergoñámonos de mostrar o camiñar dos que buscan resolver os conflitos con acordos. Sabemos que a historia que contamos tamén está chea de picarescas e de traxedias porque ningún código pode evitalas totalmente pero debemos sentir un xusto orgullo da capacidade dos nosos maiores para chegar a acordos equitativos, con eles mesmos e coa terra –sagrada non o esquezamos–; acordos que implicaban traballos comúns, respecto polos dereitos alleos, polas diferenzas, porque cada pequeno pago era un mundo, pero  sempre dentro do espírito de que compartir é o xeito máis perfecto de superar a necesidade.
             Diciamos ao principio que máis que unha descrición este artigo quería ser un canto, aceptamos, pois, querido lector, as túas dúbidas, pero comparte connosco que, máis alá de inevitables intermitencias, o esforzo dos nosos devanceiros por adaptarse ao ciclos da natureza, por poñer en común os recursos é do “material con que se forxan os soños”.                                                                                                                                                                                                          
                Estes dous artigos non serían posibles sen a amabilidade dos nosos informantes, persoas ás que quero citar aquí con nomes e apelidos: Manuel Arguibay, José Cruz, Josefa Ferradás Martínez,  Carmen Freire Pousa, José García Novas, Segundo Mandado, Xosé Piñeiro Martinez, Constante Portela, Isabel Portela, María Pousa Ferradás  Manuel Tenorio e Alejandro Vidal Acuña; aos que nos proporcionaron os documentos base do noso estudo: Xosé Estévez Estévez (Checho), José García Novas, Antonio Novas Loira Mónica Porto González e sobre todo o investigador Arturo Sánchez Cidrás; e tamén Xosé Martínez García, profesor e tradutor (ten vertido na lingua galega a varios dos clásicos latinos, abonda con citar a súa tradución de A Conxuración de Catilina de Salustio), polas súas observacións lingüísticas e conceptuais que contribuíron a enriquecer o noso traballo. Grazas a todos.
         Tamén quero agradecer á profesora e amiga Fátima Braña que fixese posible a nosa participación en Adra e a Manuel Vilar as amables e xenerosas palabras para co noso traballo na presentación da revista.
         Espero que Adra siga a ser unha publicación viva, fecunda, que recolla parte da esencia do noso ser  e que a sociedade galega non permita a súa desaparición.



[1] Derzu Uzala era un cazador da tribu Hezhen, nómade e animista. Vladimir Arneniev escribiu unha obra do mesmo nome na que narra o seu encontro con este personaxe. Akira Kurosawa levouna ao cine en 1974, obtendo ao ano seguinte o Óscar a mellor película en lingua non inglesa. De esta última obra extraemos a cita.
[2] É de dominio xeral que o discurso que hoxe citamos atópase moi alterado respecto do orixinal.

miércoles, 29 de junio de 2011

O MORRAZO CON TODOS OS SENTIDOS



“¿Por qué la necesidad de saber ha de ser enemiga del placer de leer?”
Eduardo Galeano: Ser como ellos y otros artículos
No tempo da insensibilidade, dos balances económicos por enriba de calquera outra razón, sorprende atoparse cunha asociación de industrial e comerciantes como FECIMO (Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo) comprometida co medioambiente con campañas de sensibilización e con actividades e compromisos concretos; implicada na conservación da riqueza histórica e cultural.
No tempo do individualismo, da presunción fatua e mediática, chama a atención a existencia de persoas defensoras da ética do comunitario, practicantes do traballo en grupo. Son dos “bos e xenerosos” que entenden a voz da paisaxe, das palabras antigas, das pedra…
O Morrazo con todos os sentidos (Guía dos recursos naturais e patrimoniais) nace dese espírito común de FECIMO e dos autores, medra no emotivo diálogo coa bisbarra, madura na contemplación da paisaxe, na escoita das augas e dos ventos, na degustación dos froitos do mar e da terra, no olfactear das leiras sementadas, das fragas fragrantes; no roce das areas cálidas e dos musgos dos camiños fondos; pervive pois na sensualidade como alento de reflexión (v. vídeo).
O Morrazo con todos os sentidos, presentada o pasado 25 de Maio no Auditorio de Cangas, non é unha guía ao uso, non pretende descubrir, inventariar, lugares e monumentos, vai máis alá, mergúllase no intento de seducir, de ofrecer a posibilidade de descubrise a un mesmo na paisaxe propia ou invitar a atoparse nunha contorna descoñecida pero sempre túa.
O Morrazo con todos os sentidos é unha memoria, un recordatorio, unha lembranza de todo aquilo que debemos conservar porque é un legado dos devanceiros e que non nos pertence a nós senón as xeracións vindeiras. Conservar que implica necesariamente avanzar, evolucionar, mellorar, progresar e esta é unha tarefa de todos e cada un de nós.
Dende o punto de vista estrutural a guía divídese en catro capítulos, un por cada concello: Marín, Bueu, Cangas e Moaña, cada un deles cunha cor característica para facilitar ao lector foráneo a pertenza dun monumento a unha ou outra vila. Ao final de cada capítulo existe unha ruta de sendeirismo para os amantes do camiñar. Acompañan a guía un mapa de cada poboación coa posición dos restos e lugares máis salientables. Con todo o característico desta obra é que non é unha mera descrición, quere contar, narrar, os lugares, os monumentos, as historias…por iso adopta formas literarias diferentes para cada concello: un diálogo, unha carta, un consello, unha reportaxe, porque a necesidade de saber non é inimiga do pracer de ler, segundo a acertada sentencia de Galeano.
Non podo rematar esta breve recensión sen falarvos dos autores, persoas que inverteron o seu tempo e saber a cambio do “lucrativo” interese de compartir a riqueza desta comarca. Deixádeme que vos fale deles, aínda que sempre foxen das cerimonias públicas, que o faga con certa solemnidade en homenaxe ao moito que aprendín con eles neste camiño que transitamos xuntos e na que me tocou a honra de ser o coordinador.
Belarmino Barreiro Rosales: filólogo, arquiveiro do Concello de Bueu onde desenvolveu unha importante labor de organización e recuperación de documentos de grande interese histórico. Autor de obras como En la ruta del románico: La iglesia sanjuanista de Santa María de Cela ou “A adscrición municipal do arquipélago das Illas Ons e Onza”.
 Roberto García Causo, historiador e cronista deportivo, foi redactor da revista do Sporting de Xixón e do semanario Don Balón, co autor da obra Mares e terras do Morrazo.
Xosé Manuel González Barreiro “Oli”: mestre, colaborador da Revista Galega de Educación e coordinador da editorial Kalandraka. É un prolífico e premiado autor de literatura infantil e xuvenil. Da súa obra está traducida a varios idiomas cómpre mencionar, Anibal quere encoller, O pirata de lata ou Once damas atrevidas. Tamén participou no ensaio Unha maré de palabras (contribución ao léxico do Morrazo) ().
Manuel Pérez Rúa é sociólogo, traballou nun estaleiro ata a reconversión industrial, na actualidade é coordinador cultural do Concello de Moaña, foi galardoado co premio Ramón Piñeiro de ensaio 2009 pola súa obra Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social da xeración de 1950, con anterioridade publicara Moaña e participou na redacción do libro Galicia SL.
Manuel Reboredo Tajes, profesor de ensino secundario, doutor en historia cunha tese titulada: A cultura castrexa nos vales dos ríos Lérez-Almofrei e Verdugo-Oitavén, ten publicados numerosos traballos sobre a patrimonio no Concello de Cotobade.
Sonia Valladares Rodríguez traballa na Universidade de Vigo e é enxeñeira en Telecomunicacións,  colaboradora na Tribuna Libre do Faro de Vigo, autora de varios relatos breves e coautora dos seguintes artigos:"Information and Communication Technologies in Higher Education. How do students perceive their benefits?" , presentado no congreso: SIIE’09: XI INTERNATIONAL SYMPOSIUM ON COMPUTERS IN EDUCATION, "Information technologies in higher education. A student perception survey" e "Female Engineering Students’ Perception on the use of Information technologies".
Juan Carlos Villegas García: historiador, ten publicados distintos traballos sobre o patrimonio de Marín na revista Portocelo e colaborado en numerosos textos divulgativos sobre a historia desta vila. Na actualidade está a rematar un estudo sobre os muíños do Río Loira.
Anímovos a todos a ler a guía e a achegarvos á Península do Morrazo.

domingo, 15 de mayo de 2011

URBI ET ORBI (Dende o galego para o mundo)


                O escritor Álvaro Cunqueiro proclamaba que hai terras que son “viciosas de camiños”, terras que son camiños, condenadas eterna e gozosamente a ser transitadas, a ser levadas de aquí acolá nun camiño de quitaepón. Terras que “here, there and everywhere”, como a canción dos Beatles, teñen falas que deben ser celebradas, urbi et orbi, bendicidas porque os camiños, como tamén dicía o mestre de Mondoñedo, son como os sucos e “así como os sucos dan o pan, os camiños dan as xentes, as falas, os países…” É seguro que todas as terras son camiño e todas dan falas.
                Sucede que nesta fisterra do atlántico hai unha fala, bendicida de versos e de prosas centenarias e contemporáneas, bendicidas de palabras que voan para pousarse, para aniñar no corazón de calquera ser humano sensible.
                O pasado xoves, día 12, presentouse na librería Maraxe, en Cangas do Morrazo, Urbi et orbi (Dende o galego para o mundo) un libro que é unha celebración, un intento de mostrar como a sensibilidade de moitos acolás é quen de acoller historias de acá. Urbi et orbi non é pois un tratado sobre as traducións da literatura a outras linguas senón unha feira, unha sorte de zoco, con postos de medio mundo no que aparecen textos orixinariamente galegos, vertidos en novos recipientes.
                Esta publicación debida a Henrique Harguindey, Xosé Martínez, Ramón Rocamonde e un servidor, ten a súa orixe nunha exposición escolar apoiada polo equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do IES María Soliño de Cangas, coordinado polo profesor Ismael Vide. Trataba de espertar entre os educandos unha ollada sorprendida sobre unha literatura que acaso por próxima non era percibida dabondo, trataba de espertar miradas novas a partir de miradas alleas; ao fin e ao cabo un acaba por ser distinto contemplado nuns ollos amantes.
                Aquela mostra converteuse en libro porque precisaba permanecer no tempo, porque tiña que chegar a novas mans, porque había que recoller novos aspectos que non cabían no antigo formato. O texto consta de tres partes, unha introdución, unha explicación dos principios que a inspiraron, do proceso de elaboración e dos aspectos históricos e lingüísticos máis salientables. Reproducimos a continuación un fragmento deste limiar:
Acaso non hai nada que axude máis a medrar que a capacidade de asombro, a sensibilidade que nace do rexeitamento da indiferenza como actitude vital. Ao noso carón están presentes realidades fecundas que non percibimos a forza de non contemplalas con ollos virxes. Moitas veces a ollada dun sueco, como Staffan Mörling, fascinado polas pequenas embarcacións, a dun poeta xaponés, como Akocha Koato, para quen “as marisqueiras[1] peitean areas”, a dun ruso, como Roman Jakobson –xenio incuestionable da lingüística–, sobre Martín Códax, lémbranos riquezas que xa case non notamos. O máis triste é que aquí, no país, persoas que deberían coñecer, destacar e fomentar a nosa cultura, cualifícana de “ensimesmada e pechada”, como se fose menos universal falar das memorias dun neno labrego ca das peripecias dunha familia de Oklahoma explotada pola usura capitalista durante a Grande Depresión; como se denunciar as complicidades co nazismo puidesen valer dous Premios Nobel e, en cambio, narrar a barbarie represiva da Guerra Civil e a posguerra española fosen temas impropios da creación literaria; como se falar da fundación de Roma, da Guerra de Troia, do Dublín de principios do século XX, fose menos local que falar de Auria, de Compostela ou de Lestrove. Non deixa de ser curioso que se empregue o adxectivo pechada para se referir a unha literatura chea de Sinbad, de Merlín, de Percival e tantos outros personaxes de acolá. A literatura galega asemella máis o espello borgeano, aquel que nos descobre, no reflexo, unha realidade nova pero semellante, porque o sentir dos galegos, contado nunha lingua propia  – polo demais universal–, é unha emoción pola que calquera ser humano pode transitar, pola que calquera ser humano pode navegar…
                O segundo apartado é unha mostra de textos no orixinal galego acompañados da súa versión noutras linguas. Tenta ser un escaparate da maioría dos idiomas (foi imposible conseguilos todos) aos que se verteron escritos literarios galegos, coidando que aparecesen, polo menos, unha obra por idioma e autores de todas as épocas e tipos de literatura pois, por exemplo, a literatura infantil e xuvenil galega ten unha repercusión exterior extraordinaria.
                A terceira parte reproduce (VER VÍDEO) unha entrevista con Xosé Luís Méndez Ferrín na que o autor reflexiona sobre os aspectos máis salientables da tradución: Existe a literatura universal ou existen literaturas? É a obra versionada a mesma que a orixinal? Que sinte un autor ao verse traducido a outras linguas?...
                Urbi et orbi non é unha obra só dos autores, é posible grazas a colaboración de moitas persoas, dos escritores e editores galegos que “bos e xenerosos”, entendedores do noso proxecto, cederon os seus dereitos para que os seus textos puidesen ser reproducidos; dos membros dos equipos directivos e do Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística do IES María Soliño; do maquetador Fernando Soliño, traballador sensible e artista que deu fermosura a este obxecto, de Xosé Bangueses, presidente de FECIMO, amigo e sementador de cultura, e doutras persoas que quedan no silencio deste blog pero non na indiferenza da nosa emoción.
                Urbi et orbi naceu do agarimo, do amor profundo a unha lingua, e tamén do deleite da lectura literaria e do deleite culinario dos manxares cos que, moitas veces, nos agasallaban nos momentos de traballo. Nel está encerrada unha marabillosa historia de amor, mostra clara da forza que a literatura, calquera literatura, a galega tamén, ten na vida das persoas.
Porque “todo el ritmo de la vida pasa/ por este cristal de mi ventana…/¡Y la muerte también pasa!” como sabiamente dicía León Felipe, deixádeme que remate con outro fragmento do libro, unha mostra de amor constante máis alá da morte:
William Rueter é un artista canadiano. En Toronto ten unha pequena editorial artesanal, The Aliquando Press.  A súa muller, Marilyn, axúdao na edición de libriños que son verdadeiras xoias.
                En 1995, William e Marilyn fan unha viaxe a Nova Iorque e no norte de Pennsylvania, nun centro comercial, descobren un disco de música do século XIII que os deixa totalmente fascinados. Prometen viaxar a Europa para seguiren o roteiro daquela música.
               Infortunadamente, aquela sería a súa derradeira viaxe: en xuño do mesmo ano Marilyn ingresa nun hospital para un transplante de médula ósea e debido a inesperadas complicacións fina en xaneiro de 1996.
               William publicará nese ano un precioso libriño que dedica For Marilyn, always: “Este libro foi realizado para celebrar a vida de Marilyn Rueter e para honrar a súa memoria. O seu amor estará sempre connosco”.
               Entendemos ben os gravados do artista, dúas ilustracións en anverso e reverso que forman no fondo tan só unha, dous rostros que veñen sendo o mesmo: o amigo e a amada, o amado e a amiga.
               E resoan con toda a súa tristura as palabras dun dos poemas daquel disco, reproducido na páxina da dereita na versión inglesa de Rueter, co texto en lingua orixinal na páxina da esquerda:
                                               No one is here  
                                               to care for my  
                                               except my eyes,              
                                               always weeping:            
                                               so deeply in love.
                                               I have no one   
                                               to watch over me,         
                                               only my eyes    
                                               ever weeping:  
                                               so deeply in love.
               Son –é claro– versos de Martín Códax[2], o poeta galego da ría de Vigo, escritos hai oitocentos anos.
               Palabras que alancan por riba dos océanos, que choutan por riba dos séculos.
Pois se Martín Códax segue cantando para un corazón canadiano, se Rosalía segue a falarlle á xente de hoxe, remocicada en novas linguas, se os nosos escritores son quen de facer abalar o sentimento de habitantes de toda a rosa dos ventos neste século XXI, daquela é certo que a forza do noso amor non pode ser inútil.
Por máis que a falta de coidado e agarimo ameace con sepultar a nosa fala baixo mil invernos, a vontade de vivir dun pobo haos virar en mil primaveras máis para a lingua galega.

Para saber máis: Entrevista na radio.


[1] En galego dentro do xaponés orixinal.
[2] Cantigas de amigo. Martim Codax. The Aliquando Press. Toronto, 1966. O libro, de só 60 exemplares de tiraxe, gañou un dos premios que en 1998 concedeu a Canadian Bookbinders and Book Artist Guild con ocasión do seu décimo quinto aniversario.