jueves, 27 de junio de 2013

DELIRIOS DE FÚTBOL II


Non era o meu desexo publicar o segundo artigo a serie “Delirios de fútbol” tan rapidamente. A miña intención era intercalalos con outros textos para que o fútbol non esultase un tema repetitivo, pero a vida manda.
Jesús Nores, un dos protagonistas deste artigo-relato (ambas cousas é: unha ficción real, un relato de non ficción) xubílase, polo que estas palabras son tamén unha xubilosa homenaxe.
Portada da revista
A revista na que foi publicado, o número 14 de Arando cedo do I.B. María Soliño de Cangas, no ano 1998 "case" recibiu dous galardóns. O primeiro premio foi para unha entrevista dos nosos alumnos ao escritor Suso de Toro. O segundo, o case, foi para o texto que hoxe comparto. Loxicamente ao ser o escrito dun docente foille retirado o recoñecemento. Claro que iso non impediu que o profesor Ramón Rocamonde, compañeiro e ao parecer amigo, co seu proverbial sentido do humor non perdeu a oportunidade de dicirme: “quedou demostrado que escribes ben” e, tras unha calculada pausa, engadiu: “ao nivel dos alumnos de C.O.U”.
Co paso do tempo, esta crónica converteuse nun pequeno refuxio para os seus protagonistas, unha sorte de espazo mítico. Varios dos seus pequenos heroes comentaron que o mellor dos partidos da tempada era o artigo final, esaxeran un pouco, pois algunhas veces, raras, certo é, tamén o pasabamos ben perdendo.
Como Suso Nores, tamén remata a súa vida laboral Ismael Vide. Ismael é unha das persoas que con máis intensidade ten reflexionado sobre o acto de ensinar. Poucas teñen analizado tanto a forma de transmitir os coñecementos aos alumnos e poucas desenvolven unha preparación tan intensiva das súas clases. Tamén para el o meu agarimo neste momento.

A gloria dun viceolista

Este é un artigo en homenaxe ó equipo de profesores do I.B. María Soliño que lograron o subcampionato de Copa e que está formado por Óscar, Suso, Carlos, Luís, Emilio, Pedro Pablo, Quico e Salva.


Hai quen cre que non hai gloria nun vicecolista pero...
Semellaba unha tarde de ballet e vodka pero rematou por ser unha noite de tulipáns. Rimas Dasaev, aquel porteiro que nutría os seus movementos do adestramentos cos  bailaríns e patinadores e que empurraba como unha brisa miúda ós pais de Mihailichenko, foi vítima da Philips. Alí, no Estadio Olímpico de Múnic, un trotamundos inventou curvas ó compás da electricidade, chamábase Rijkard, un ser que trouxo do Surinam a tecnoloxía punta do primitivo, do natural....Aquela elipse foi acollida por un lóstrego denominado Van Basten, a súa volea valía a final da Copa de Europa de Seleccións....ata os alérxicos temos  que confesar que, as veces, os tulipáns cheiran a marabilla e evocan trenzas e miradas pícaras.
Suso en acción, coa cabeza alta como os grandes
Aquela tarde tampouco había goles pero Suso demostrou que tamén os bucaneiros poden ser artistas, roubou das súas neuronas sinuosidades imposibles para a informática e enviou unha folla seca ó encontro co infinito, alí apareceu Pedro Pablo, a nova corporeidade de Van Basten e o remate foi un encontro sutil co "ángulo oscuro" da portería.
¡Raio!,  ¡sóame esa presenza! é Luís pero parece Obdulio Varela, sóame tamén a súa elegancia, ten o porte de Enzo Francescoli, un dos máximos representantes do pensamento dinámico. ¡ Ese defensa! ¡Ese defensa! ¿Como non percibe que tamén ten o gatillo de Fernando Morena? Demasiada vantaxe para un lúcido. Non sei se a intelixencia se fixo potencia ou a potencia gol, só sei que na porta de Esopo, de La Fontaine e de Monterroso unha concentración de arañas protestaba polas molestias.
Hai quen cre que o delirio non é posible entre os que quedan fóra na primeira rolda...
Debuxo do artigo na revista
Era un recreo de asubíos e de repente un novo Gregorio Samsa: unha metamorfose. Pedro Pablo transubstanciouse en tango, recuperou o vello estilo de don Alfredo Di Stefano e superou o complexo de Aquiles: converteu o calcáneo no punto forte. Foi así como sucou arcadas en forma de coxas e deixou o balón para un man a man co porteiro resolto nun tiro cruzado por quen sempre agarda a maxia do compañeiro.
Hai quen cre que, aínda que Pullidor sexa máis renomeado que Roche, non hai memoria posible para o segundo....
En cuartos de final agardounos o San Narciso, pero un gambeteo e un tiro seco de Suso levounos á semifinal, alí agardábanos o Pondal, dous goles de carreira e pegada de Carlos e outro de Suso tras varias paredes deunos vantaxe pero houbo que recorrer ó gol de ouro. Foi alí onde Emilio amosou o seu perfil dourado e meteunos na final.
            Foi unha final de veciños, Monte Carrasco - María Soliño, os vixentes campións de liga lograron un rápido dous- cero que parecía definitivo, pero alí apareceu Carlos, desta volta escorado á esquerda, debuxou un toque suave e o balón bicou a rede cun deseño clásico.
Na segunda parte S. recuperou unha parte do sentido da liña de fondo de Butragueño ante o Cádiz, caneou ó estilo do gran Cruyff e deu o pase da morte para que Pedro rubricase o gol. Cinco minutos máis tarde, nun contraataque a presenza-distracción de Pedro posibilitou que S. deitase ó porteiro evocando unha das sortes de Johnny Red no Mundial de Arxentina, e lograse o empate a tres. Certo que o soño durou pouco porque minutos antes do final os nosos veciños lograron o gol da vitoria e do dobrete.
É posible que ninguén mo crea pero este é un equipo de Óscar, o seu alcume é a obsesión e aumentou as minutas dos psicanalistas, as ventas de somníferos, antidepresivos e outro tipo de terapias para dianteiros frustrados ante A MURALLA. A verdade nunca saberei se te mira con displicencia ou coa grandeza de Lev Yashin.
En fin que cando vexades os seus perfiles redondeados, as súas sens prateadas, o seu andar cansiño...pensade que estar derrotado non é o mesmo que ser derrotista e que sempre hai maxia en calquera músculo con vocación de tacto.










jueves, 2 de mayo de 2013

DELIRIOS DE FÚBOL I




A todas as persoas que co seu ánimo e a súa lembranza
me animan a compartir con vós neste blog, especialmente
a Anxo Otero Ruiz e Arturo Sánchez Cidrás, insensatos eles.

A todos os protagonistas deste conto e a Sole e Montse,
responsables da revista Entre nós no Instituto A Sangriña
de A Guarda, naquela época.                                                

            Hai anos en non sei que película do Oeste, poida que fose nunha das de Bud Spencer e Terence Hill, escoitaba un diálogo que dicía máis ou menos así:

            " -Temos que rescatar a Smith.
              -Quen é Smith, o teu pai?
              -Non.
              -O teu irmán?
              -Non.
              -Un familiar.
              -Non, peor, un amigo."

         O caso é que algúns amigos e tamén familiares, sempre tan amables, levan tempo pedíndome que atenda o meu blog, que escriba con máis frecuencia. Debo confesar que este blog naceu como tarefa dun curso de formación e nunca pensei en escribir moito nel, máis que nada porque pouco teño que contar, así que co tempo, foise convertendo nun foro no que ía compartindo algúns dos proxectos nos que andaba metido, sen outro propósito. O outro día repasando o interesante blog de José C. Manzano, “La verdad del pajarito” que tedes enlazado nesta páxina, atopeime cun dos artigos que eu escribira sobre os partidos de fútbol cos alumnos, titulado as feras e os vellos, e pareceume que podería ser unha boa idea recuperar os vellos artigos para este espazo.

        A miña intención é compartir con vós uns textos que pretenden ser divertidos, cheos dun humor, se cadra soterrado e agochado nas múltiples referencias; unhas palabras de afecto para coas persoas protagonistas e para cun deporte co que pasei bos momentos; verbas preñadas de gozosas hipérboles pola que se desliza unha intención autoparódica.

           Espero compracer as persoas que me animan a escribir neste foro e ás que tanto agradezo ao seu estímulo.


O LUGAR QUE ME RESISTO A DEIXAR

            (Este artigo foi publicado na revista Entre nós o IESP da Guarda en Xullo de 1994)

           VOSOUTROS. Non hai nada profundo se non é posible soñalo, a realidade máis fonda é a realidade mítica, porque empuxa, por iso quero esbozar a posibilidade de que Don Quixote fose o único perceptor da realidade, que os muíños fosen xigantes e os rabaños exércitos...

           Era unha tarde de gloria e sauna. Miguel “Migueli” berraba máis: “a por auga!” que “A pola pelota!”, unha obsesión contra a deshidratación; pero aquela foi unha tarde de herexía, Miguel demostrara que a omnipresenza non era un atributo exclusivo de Deus. “Á fogueira!” berraban os partidarios do fútbol preeiro e reaccionario. “Ao santoral!” replicaban aos que recoñeceran á reencarnación de Uli Stielike.

           Tamén aquela tarde Mauro Silva recoñeceu o seu nome e Pepe “Bebeto” Monjardín ergueu os brazos tras un gol-longueiro-espalda e berrou: “Que Mauro Silva! É mellor que Mauro Silva! Mauro non meteu un gol en todo o ano! Vaia golazo, che!”. Sigmund Freud aumentaba os seus complexos e Manolo Campos, curado de esquizofrenia recoñeceu por fin o seu nome; quedara gravado nun tiro á escadra, envexa do mesmísimo Zico.

          Pepe “Bebeto” Monjardín é un desafío, o seu fútbol entre preso busca fugas e exaltado de Maio do 68 é unha reivindicación ecolóxica do espazo libre. Aquela tarde demandou os pases ao oco e converteu a José Carlos nunha mutación de Overath e a S. nunha fotocopia de Gento. Aquel día Fran era o seu destino e o gol o seu punto de encontro.

          En 1974 Franz Bekenbauer levantaba a Copa de Campión do Mundo e José Carlos comprendeu que o mellor futbolista é o que fai mellores aos demais. Alemaña non era Bekenbauer, Müller, Overath, Vogts, etc, senón Müller-Bekenbauer, Overath-Bekenbauer, Hoeness-Bekenbauer... José Carlos quixo dar o seu apelido ao balón, cada toque deixara de ser monólogo e era diálogo con vocación polifónica. O kaiser respira tranquilo, nalgún lugar do planeta -case na fisterra- alguén comprendeu o seu fútbol cooperación, foi deseñador de alas e cerebro.

           Unha noite Lev Yashin tivo un pesadelo, unha nova araña negra ía suplantalo, tiña a colocación de Maier, os reflexos de Zamora, a velocidade de Buyo e a sobriedade de Arconada; era un candidato ao ÓSCAR. Parece un rapaz normal, pero demostrou que a distancia máis curta entre dous puntos é o escorzo.

            Aprendeu a fuxida nos partidos de barrio e a samba nas praias do Brasil, o seu xogo entre suburbial e lúdico parece jazz. De súpeto, “Foguete samba”, Miguel para a pelota, ao outro lado un oco inmenso polo que entra José Carlos. Dende entón din que as diagonais de Ronald Koeman son un van intento por igualalo e que Zico se enfada cano o mentan, cría que o seu pase a Junior no mundial de México era insuperable.

               Vicente acostuma a pelexar o balón máis alá do medio campo, o seu é o roubo e o disparo a curta distancia, pero aprendeu nas súas horas de fotógrafo a técnica do flash. Os seus compañeiros din que Vicente ataca sempre pola espalda, do defensa, como os astros do desmarque, e que a súa ubicación devolve ao equipo a súa vocación polos pases de Schuster.
                Fernado e Javier son dous conceptos distintos do fútbol; o primeiro ten vocación de equilibrista, está reivindicando a gracia de Gordillo, parece que cae pero “flota”; a pouco que deixe o balón será a envexa de Nando. Javier é a solidez, disposto sempre a demostrar que o fútbol non é exclusiva de xente co centro de gravidade baixo, as súas “saídas ao ataque” son, pese a súa anarquía, unha arma definitiva.

             O FUTBOL. O meu tacto estemeceuse ao contacto co seu coiro, foi un amor ao primeiro pelotazo. Xa sei que ás veces era plástico ou papel de periódico envolto, acaso tamén Dulcinea era Aldonza Lorenzo. Era un amor posesivo que só quería compartir de pé a pé; pero aínda pequeno axudoume a imaxinar, a agochar, a mostrar e, polo tanto, a ser o caneo de Juanito Gómez, o canonazo de Gerd Müller ou o cambio de ritmo de Cruyff:

               A forza de ser illa comprendín que:

               “Si te quiero es porque sós
                mi amor mi cómplice y todo
                y en la calle codo a codo
                somos mucho más que dos”
                                            (Mario Benedetti)

             E comecei a vivir o fútbol máis global. Agora existía a carreira, o pase ao oco, en diagonal; mesmo o fútbol sen balón: unha sorte de metafísica para espíritos sutis. Daquela vivín no complexo, na imposibilidade de “esparexer bananas” como Garrincha, de converter un pelotazo en comunicación a noventa metros, como Bekenbauer, de danzar como Pelé, na imposibilidade de ser Di Stefano, o home que máis semellaba ao fútbol.

           Ás veces os ventos sin propicios e lévanme o balón á escadra, e os deuses préstanme cola para levar o balón entre os defensas e imáns invisibles atraen o balón desde a miña bota ao pé do compañeiro desmarcado e é esta xenerosidade do balón a que me ata ao seu yunque.
Non sei se isto é realismo máxico ou folletín, quere ser só unha homenaxe á miña única patria verdadeira: a infancia, o lugar que me resisto a deixar e do que sinto nostalxia, aínda que sexa de futuro que diría Ernesto Cardenal e unha homenaxe aos que me devolveron a inocencia e a quixotesca capacidade de ensoñación. Por tanto grazas a Manolo, a Miguel, a Pepe, a José Carlos, a Óscar, a Foguete, a Vicente, a Javier, a Fernando... e ao fútbol.

            Á maioría das persoas citadas neste artigo hai anos que non as vexo e non teño maneira de poñerme en contacto con eles para avisalos desta publicación, de modo que se algúns dos lectores os coñece pregaríalles que lles avisase, e, a eles e a todos, animaríavos a enriquecer o texto cos vosos comentarios.






jueves, 14 de marzo de 2013

NOVOS LANCES NOS LAÑOS DO MORRAZO

            A miña tía Aurora Otero Loira quen ten viva
na memoria verdadeira  o sentir dos falantes do Morrazo.

Nunha conferencia pronunciada na Universidade de Vigo en 1985 (daquela aínda Colexio Universitario) o escritor Víctor Freixanes apuntaba que unha forma de prestixiar o galego, de fixalo na memoria dos humanos, era escribir unha obra literaria da importancia de El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha, Ulysses, A Odisea ou A Divina Comedia, redactar unha teoría científica equiparable á lei de gravitación universal de Newton ou á teoría da relatividade de Einstein, crear ensaios fundadores de novas formas de pensamento a maneira de A Poética de Aristóteles.... Cadernos de Fraseoloxía Galega navega na dirección apuntada por Freixanes, aposta pola calidade investigadora, non en balde a súa páxina está enlazada coa de EUROPHRAS, a sociedade científica máis importante neste eido, e indexada no MLA, o máis prestixioso índice de revistas lingüísticas do mundo, o que supón o máximo respaldo internacional para unha publicación redactada integramente en galego.

            A revista está publicada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten como obxectivo principal impulsar a investigación fraseolóxica galega pero acolle tamén traballos de todas as culturas do mundo, boa proba diso é que polas súas páxinas pasaron xa máis de 130 investigadores de 20 países diferentes.

            Está dirixida polo académico Xesús Ferro Ruibal. Teólogo, tradutor da Biblia, latinista e escritor, Ferro leva anos desenvolvendo un importante labor de recollida e análise de material fraseolóxico galego. Os seus ensaios Refraneiro galego, Refraneiro galego máis frecuente, Recuperemo-la fraseoloxía enxebre, Refraneiro galego da vaca ademais de numerosos artigos en revistas especializadas, son unha mostra clara do seu valioso quefacer.



Agora acaba de saír en papel o Caderno nº14. Entre os materiais publicados figura unha recadádiva de unidades fraseolóxicas (UU.FF) do Morrazo: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de Unidades Fraseolóxicas”. O traballo foi redactado pola profesora, autora de libros de texto e con varios premios poéticos no seu haber, Lucía Durán Paredes, por Xosé Manuel González Barreiro “Oli”, autor dunha destacada obra de literatura infantil e xuvenil, traducida a varias linguas, por Henrique Harguindey Banet, tradutor, recompilador de contos populares, estudoso da lingua popular, por Xosé Martínez García, exprofesor da Universidade do País Vasco, tradutor das obras de Salustio ao galego, estudoso e protector da Danza de Aldán, Ramón Rocamonde Gómez, colaborador da Revista Galega de Teatro, coautor do Diccionario da lingua galega da editorial Ir Indo ademais de varios libros de texto, e polo redactor destas liñas.

            O artigo intenta recuperar o uso de case 80 unidades fraseolóxica porque: “acontece que o labor de un lexicógrafo en Galicia non pode limitarse á mera constatación da existencia dunhas formas: é preciso espallalas e rehabilitalas cando sexa necesario”.

            Os autores sosteñen que:“Verba volant, scripta manent. Escribamos as palabras por se un día cometemos o pecado de esquecelas, pero deixémolas voar, que cheguen ás persoas e que as leven, co seu reemprego, a intensas e fecundas comunicacións. Hai quen pensa que a recollida destas expresións, case sempre da boca de persoas maiores, é un intento de resucitar un morto, unha sorte de boca a boca inútil; mais as palabras seguen vivas mentres algún falante as utiliza ou as lembra. Nós queremos pensar que relanzalas é máis ben un bico de amor, de amor fértil, que ha de traer un futuro máis rico. Así sexa”.

            Deixádeme, pois, que comparta con vós algunha das frases que aparecen neste traballo precisamente para que poidades espallalas un pouco máis.

  1. achicar auga cun tolete/achicar o mar cun tolete. Facer un esforzo inútil, pretender un resultado imposible, xeralmente por falta dos medios necesarios. Andas a retellar aquí e alá pero non fas nada: é andar a achicar agua cun tolete. [Un tolete é un pau vertical que se fixa ao bordo da embarcación para facer de fulcro ou punto de apoio do remo que vai suxeito a el polo estrobo: polo tanto, non sendo un recipiente, non serve para extraer auga dunha embarcación].
  2. Estar a pa. [Especialmente no comercio] Non marchar ben o negocio, estar paradas as vendas. Este ano, coa crise, estivemos a pa, incluso nas rebaixas. # A pa é un instrumento que se utiliza para parar a maquinaria do muíño, “estar a pa o muíño” é que está sen moer.
  3. meter en présa. Crear dificultades. Bastantes dificultades teño eu como para meterme en présa con ese asunto.
  4. mira para min que son de Marín. [Réplica utilizada para expresar que alguén non creu en absoluto o que lle acaba de dicir o interlocutor, facendo así constar que non é un crédulo parvo]. –Eu nos meus tempos mozos corría os cen metros en dez segundos. –Mira para min que son de Marín, se ti non corrías nin para escapar dos paus.
  5. vai morrer o demo. [Úsase para indicar que acontece algo bo pero pouco usual ou que alguén, que non adoita actuar dese xeito, realiza algo bo ou ben]. Que milagre, vires de visita! Vai morrer o demo!

            Por último non sería xusto que rematase estas miñas palabras sen mencionar aos máis valiosos colaboradores deste traballo, os informantes: Manuel Aldao Portas, Manuela Alonso Martínez, Gabriel Calvar González, Salvador Castro Rúa, Rosendo Gago Lemos, José García, Lucinda González Lemos, Clara Millán González, María Millán González, Aurora Otero Loira, Teresa Otero Loira, Fernando Otero Otero, Isaura Alonso Pardavila, María Paredes Juncal, Emma Pazos Abalde, Victoria Piñeiro Torres, Margarita Rodal Dobarro, Carlos Rúa Gayo, Carmen Soto Cano, Francisco Tilves Guimeráns, Emma Tilves Pazos, José Tilves Diz e Ramón Villar Guardado e a través deles “a todos os que nos abriron a súa memoria e a súa rica práctica de dicionarios vivos[...] Homes e mulleres de diversa actividade social e laboral e de distinta formación que con xustiza cómpre caracterizar como filólogos no sentido orixinal do termo.”

            Este traballo é un pasiño máis, apenas un conxunto de lances “á ardentía ou ao escuro, no pequeno caladoiro das unidades fraseolóxicas vivas [...] na bisbarra do Morrazo”, pretende seguir as pegadas que noutrora deixaron persoas como Bernardino Graña ou, máis modestamente, José María Estévez e tantas persoas que amaron e acolleron dende a curiosidade os ditos dos morracenses. Oxalá sirva para darlles vida, oxalá sexa longa a vida dos Cadernos de Fraseoloxía Galega e as frases e os cadernos acompañen as que serán máis de mil primaveras para a lingua galega.

jueves, 25 de octubre de 2012

SHAKESPEARE FISIOTERAPEUTA




 A Anxo Otero Ruiz quen me pediu que renovase o meu blog
e me agasallou cunha lectura xenerosa.
A todos os protagonistas desta historieta porque son parte do
 mellor que atopei nesta vida.                                                      
As persoas que me acompañaron durante esta convalecencia
porque sentín o seu agarimo.                                                     



         Mystic River
       Moitas veces cometemos o erro de pensar que os acontecementos suceden por azar, que chegan sen que ninguén os chame, pero se observamos con atención podemos decatarnos de que os dados eses do universo cos que disque Deus non xoga estannos a avisar malia que só lle facemos caso ao ruído que fan dentro do cubilete e non aos números que marcan.

        O ollar de Ulises
        Levaba un par de días cunha forte dor de oídos. A min  dóenme os oídos nas épocas de alerxia e aquel era un tempo de outono. “Serán as murmuracións”, pensei por aquilo de darlle unha oportunidade ao pensamento máxico. Pola noite notei que os ollos estaban moi irritados e chorosos e, nin estaba máis deprimido do habitual (aínda non comezara a campaña electoral), nin vira a televisión, nin andara co ordenador, nin lera demasiado, pero xa se sabe que os ollos son órganos mequeiros, amantes da calidez e do sal. Aqueles síntomas non me pareceron nada alarmantes, aínda que o meu subconsciente empezou a murmurar: “Vas vello, Baldomero!”. Éche culpa do Freud, antes co Anxo da Garda todo ía de marabilla, agora co subconsciente, as neuroses non fan máis que medrar.

        Despois da cea empezaron de verdade os problemas, ou polo menos a conciencia dos mesmos. Fun lavar os dentes e ao gargarexar, o demo me leve!, así, de repente un chorro de auga, como se dunha balea se tratase, sae da miña boca. O que me faltaba! De inmediato fun coller o exemplar de Mobby Dick e agochalo baixo sete chaves non fose que a un delirante capitán Ahab ou Acab (os transcritores vacilan) lle dese por confundirme coa balea branca esa. Crédeme, toda precaución é pouca. Estaba claro, pois: a parte dereita da miña cara -xuro que non era unha protesta política-  estaba paralizada.

        Á mañá seguinte fun ao médico. O doutor é un home amable e non debe ser mal galeno pois adoita acertar cos diagnósticos e cos tratamentos. Total: confirmou o intuído, parálise facial. Receitoume uns medicamentos e rehabilitación.

        Volvín ao traballo e a primeira persoa coa que me atopei foi a María. A María é unha moza xeitosa, guapa e sensible, e foi nese momento cando me decatei da gravidade da miña doenza: agora como lle chisco un ollo a esta? Xa se sabe que chiscar un ollo é unha arma poderosa e eu, daquela, andaba inerme polo mundo. Aquí si que a parálise xa me empezou a amolar e cada vez que vía unha nova compañeira e despois outra, todas fremosas e de bom semelhar, o meu enfado ía en aumento.

        Quo vadis?
        O médico advertiume de que os tres primeiros días, malia á medicación a miña cara ía declinar, e como son disciplinado declinei. Na clase de latín: primeira declinación. Perdoe señor doutor que non dese a segunda e a terceira pero nin polas prescricións facultativas rompo os tempos da programación didáctica. A segunda e a terceira quedan para máis adiante. Pero declinar, o que se di declinar, declinei e certamente a miña cara tamén declinou.


        A Carmen e A Chus convidáronme a dar un paseo, pero a fotofobia (empezo a pensar que inducida por algunha lectora de Bram Stoker) era terrorífica. Alá me vedes a min, lentes de sol, as mans sobre os ollos e todo o camiño mirando para o chan e orientándome polos pés alleos. Declinación cervical debía ser iso. Como todas estas andainas acaban sempre nun café, alá fomos e, como xa podedes sospeitar, tiven que pedir unha palliña para beber e evitar así salabardear a mesa e as miñas colegas. O Alberto diríame días máis tarde, coa complicidade da María Xosé, que el se tiña por excéntrico pero despois diso nada de nada e hai quen rematou o conto afirmando que na súa vida vira nada tan “pijo”. Xa se sabe que “Ademais de burro (ou cornudo segundo outras fontes), apaleado”.

        Lost in translation
     O Quique Harguindey, ademais dun bo amigo, éche un home da cultura: tradutor, gramático, folklorista… Total que os da Asociación Galega de Tradutores decidiron galardoalo co seu premio anual, un xusto de recoñecemento a unha labor extraordinaria e fortalecedora dunha lingua que ama dende todos os poros da súa pel. O caso é que, insensato el, pedirame que dixese unhas palabras no acto de entrega. Chegado o día as luces eran unha ameaza pantasma e un empezaba a ter a pinta da criatura de Frankenstein. É certo que o doutor me recomendara volverme máis da confraría de John Silver e poñer un parche no ollo pero non me dei afeito. Se cadra se o home soubese das miñas afeccións cinéfilas e me falase de John Ford, Raoul Walsh ou Nicholas Ray, cos seus parches nos ollos, pois case me tería convencido, somos así de caprichosos os pacientes, sobre todo os impacientes. Sempre hai que adiviñar a táctica para convencernos.

         O asunto do parche pirata tivo tamén a súa repercusión porque a Isabel estaba empeñada en que mo puxese e me fixese unha foto desa guisa e ata aí chegarían as bromas. Non pensedes, por un momento imaxineime subido na dorna do Morales cun parche no ollo e mesmo tiven a tentación de pintarmo co photoshop ese, incluso pensei en pedirlle emprestado aos meus irmáns un disfrace de Entroido e recuperar aquel loro que tiveramos pola casa e entoaba a canción de A ponte sobre o río Kwai, pero dixen: “Non, non que a Isabel non se asusta nin coas reformas legais do Gallardón e a ver que fai coas imaxes”.

         Estoume desviando. Nese estado tiven que chamar ao Quique para dicirlle que para a súa fortuna e a dos asistentes ao acto non podería acudir. O curioso foi que o xornal me citou entre os presentes, de modo que nos días seguintes todos me preguntaban que tal fora o evento. Sonche cousas da liberdade de prensa.

         A vida secreta das palabras
        Eu xa oíra falar destas cousas pero un nunca lles fai caso. Hai unha década máis ou menos lera un artigo do Manuel Rivas en El País Semanal titulado: “Poesía terapia”. O texto daba conta da importancia da poesía na curación ou paliativo das enfermidades mentais. Francamente, parecéronme andrómenas de poetas, empeñados en pasar do desprezo máis absoluto por calquera pragmatismo a defender a utilidade da súa arte para todo. Tamén lera en internet un artigo que comentaba un estudo dunha universidade americana demostrando as bondades da lectura para o coidado do cute. Un artigo perturbador, polo menos a min perturboume unha clase: tiña, daquela, unha alumna moi rabuda (prefería ser agredida a que lle recitasen uns versos), odiaba ler, de modo que, xa farto da súa impertinencia, díxenlle que lese, que era bo para o cute. Iracunda contestoume que era un machista como se os homes non tivesen cute e non usasen produtos cosméticos. De modo que tiven que explicarlle o do artigo e mesmo llo tiven que levar ao día seguinte para que me crese… De modo que xa sabía algo do asunto pero unha cousa é que cho conten e outra que che pase.

         Xa vos dixen que o meu médico é un home amable e certeiro, o que non vos comentei –iso ía ser o peor– foi a fisioterapia que me recomendou.

        –“Cando falamos non prestamos atención. Ti xa me entendes, (engadiu para evitar suspicacias) pois agora tes que prestar atención a como vocalizas, facer acenos, mesmo diante do espello”. Foi dicilo e empezar a invadir a miña mente as imaxes de Tön, Uqbar, Orbis Tertius, o planeta que Borges coñecera a través do espello, de Alicia transformada en raíña malencarada (eu sonche republicano) e dos espellos valleinclanescos. Xa me sentía atemorizado, nin sequera os stendhalianos me acougaban así que  me dixen a min mesmo: “Por aí non paso”. O doutor alleo ao meu pensamento continuou: “ E, sobre todo, le en voz alta”.

        “Malo raio me parta! -pensei eu- Esta si que che é boa, vou pensar que as teorías conspiranoicas do Roberto son certas”. O Chema é un bo amigo, unha boa persoa pero é inspector e isto supón un dilema no asunto que trato. No verán agasalloume cunha estupenda versión galega dos sonetos de Shakespeare, realizada por Ramón Gutiérrez Izquierdo. Daquela agradecinllo moito pero agora comezo a pensar que había unha conspiración astral e que ese regalo xa estaba pensado como terapia. Porque, non crean, eu de ter fisioterapeuta, tería a Shakespeare. Se cadra a Estrella non lle gusta que lle aumente a competencia á súa filla pero eu sonche así.

        En resumo: asesorado polo meu médico, habilitado pola inspección e inspirado por Aristóteles, aí me teñen vostedes de peripatético, máis patético que peri. Así que collín os sonetos do Shakespeare na man esquerda e un pano na man dereita para tapar o ollo. Foi difícil adiviñar as letras cun ollo tapado e o outro fotofóbico, pero nada comparable a afacerse a colocar un pé diante do outro de xeito harmonioso e sen confundir o dereito co esquerdo tendo un brazo estendido e outro encollido. Ten o seu arte, non crean, senón proben, proben e xa verán. Así que corredor arriba e corredor abaixo... (Creo que vou mal por aquí, xa estou escoitando ao Aldao dicíndome que se teño inclinada a casa, que debería dicir corredor leste-oeste, corredor oeste-leste. Hai xente feliz coas precisións, con todo voume manter firme nas convicións) Corredor arriba, corredor abaixo,insisto, le que te le en voz alta os sonetos do Shakespeare.

               “Cando vexo nos libros que narran o pasado       
                as descricións de tantos fermosos persoeiros, 
                e a beleza ornando os cánticos de antano,        
                en loor de damas mortas e amantes cabaleiros;             

    daquela, no encomio das grazas xenuínas,        
                da man, do pé, dos labios, dos ollos ou da testa,            
                vexo que aquelas plumas antigas pretendían   
                cantar esa beleza que en ti se manifesta.           

                Así que aquelas loas só eran profecías 
                do noso tempo e todas estaban a anunciarte, 
                mais, como só con ollos de adiviño vían,             
                faltáballes máis xenio para poder cantarte;       

    e nós, ao contemplarte nestes presentes días,               
                ollos de asombro temos, mais non apoloxías.”

                Seguro que os meus veciños andaban na procura do número de teléfono do psiquiátrico, polo que puidese ocorrer, mais eu linos todos, todiños, un a un, mesmo intentei ler algún no orixinal inglés (máis que nada por compracer ao Núñez) pero son un desastre, xa o dicían polo instituto que andaba a practicar castelán coa americana. Iso si, o Chema pode presumir aquí e acolá de entregar instrumentos recuperadores ao profesorado.

                Agora ben, o doutor é un irresponsable. Non se dá conta de que se abre a caixa de Pandora e non hai forma de pechala? Non se decata, o pobre do home, do perigoso que é demostrar que a lectura sirve para algo? Non se lle pasaría pola cabeza que o dos efectos cosméticos ten un pase pero o da fisioterapia xa é por demais?

                Ah! Pero, e a miña vaidade, señores? Xa lles gustaría ter un fisioterapeuta como o meu: o mesmiño William Shakespeare, versión sonetos. Tranquilos que como isto aínda non rematou, seguro que lle boto unha chanchada ao monólogo de Hamlet.  A O rei Lear non, pois igual esta é unha historia contada por un tolo mais non ten nin ruído nin furia.

                A forza do cariño
                As persoas en xeral son cariñosas, móstranse solidarias cos doentes, agora ben, existe o sector hipocondríaco. Quizás non son hipocondríacos, se cadra son cinéfilos atentos. Despois de contemplar Manhattan un sempre ten a tentación de confundir unha dor de cabeza cun tumor cerebral. Iso deriva en que te aconsellen visitar o neurólogo, o cardiólogo ou outros especialistas máis terribles. Son boa xente, de bo corazón e sempre lles parece que a túa confianza é temeraria. Teño que recoñecer que seguro estarían máis tranquilos se soubesen que tiña de terapeuta o bardo de Stratford-upon-Avon.
                Éche ben certo, a can vello todas son pulgas. A Sonia, ademais de escribir como os anxos e de ter –como dicimos por aquí con admiración– unha cabeza que Deus lla conserve pero non lla aumente, é unha moza cariñosa, así que veume visitar pola noitiña. Preparei unha cea frugal a base de tortilla cociñada á fotosensibilidade, é dicir, case ás escuras, e algo de friame que tiña pola despensa. Cea modesta se ben se mira. “Xa non hai homes”, díxome. Non llo tomei a mal porque non se refería a min. Rematado o refrixerio e aproveitando que xa era de noite pechada fomos dar un pequeno paseo pola vila e mira ti por onde a Sonia tiña razón: xa non hai homes. Sacas un ghichiño da casa menos de vinte minutos e acaba cun arrefriado. Desa maneira cambiei a grata compaña da Sonia pola íntima relación cos antibióticos; definitivamente, ou as do ducado de Espiñeira provocan maleficios ou, de verdade, xa non hai homes.

                O paciente inglés
A Marisú é unha muller intelixente e moi competente no seu traballo (é enfermeira); ten a manía do pesimismo pero cada un é como é. Unha tarde envioume unha mensaxe preguntándome se estaba a ler Tiempo de silencio ou a escoitar “Sound of silence” porque había días que non lle falaba. Daquela conteille os meus males e tratamentos e empezou a falarme da vitamina B. -“Non che deron vitamina B?”. – “Non, mandáronme a Shakesperare”. Pero ela erre que erre coa vitamina B, parecía non ter outras palabras na boca.

                Como a dor de oídos non cedía (estou seguro de que é cousa do vodú, xa estou certo, son os bonecos eses que fan os rapaces presuntamente para o Samaín), o facultativo remitiume, como se fose unha carta ou un paquete postal, ao otorrino. O especialista fíxome probas, audiometrías, tac, etc pero chegou á mesma conclusión que o seu colega. Mantivo o tratamento e mandoume tomar a vitamina B, de modo que xa non podo dicir por aí que preciso vitamina bicos, porque xa me deu pastillas. Mira ti, dous médicos para chegar à mesma conclusión ca Marisú. Agora ando supervitaminado e supermineralizado como nos debuxos animados e a Marisú envíame os bicos por sms.

                Receitoume tamén un analxésico. Chámanlle Dolpar 300. Segundo di o prospecto é un opiáceo. Debería terse chamado dopar 4.0. O 4.0 é polo da modernidade informática e porque a min deixoume catro días máis durmido que esperto. Non me importaron demasiado os vómitos, nin a perda de equilibrio nin nada diso. O peor foi o derrubamento dos mitos. Tanta literatura, tanto cine, tantos relatos persoais falando das ensoñacións dos estupefacientes, que un espera unha viaxe astral (cando menos austral),  un delirio buñueliano, unha escapada ao país do Marqués de Sade ou sabe Deus a que illa remota de pecados inconfesables. Nada, nadiña de nada, o tedio máis absoluto. Hai que elevar unha protesta contra esta clase de medicamentos: pase que a dose sexa alta de máis pero a calidade das alucinacións ten que estar á altura do prestixio das mesmas, o demais é inadmisible. Que vai pensar de min a exalumna que me vendeu as pastillas na farmacia? Para que perdín o tempo vendo Érase una vez América ou lendo Cuando fuimos huérfanos? Poden vostedes señores das grandes empresas farmacéuticas explicarme como poden provocar semellante desilusión?  Cando pensan devolverme as alucinacións pertinentes? Debería demandalos por danos e prexuízos: como vou esperar agora algún soporte imaxinativo extra? Como recompoño a miña mitoloxía? Sequera con Shakespeare a cousa soaba de marabilla.

                Abre os ollos
                Agora estou a contemplar o mar dende a miña ventá, a fotofobia marchou con algún personaxe de Murnau, a dor de oído persiste, pero xa dixen que era cousa do vodú e das lerias. Ademais é posible que a vitamina B acabe con ela, aínda que me atrevería a xurar que cun bico na periferia dos pavillóns auditivos curaríaa mellor. Beber xa non bebo con palliña e, como Alvy Singer (o personaxe de Woody Allen en Annie Hall), “Non preciso alucinóxenos para excitarme”.
                 Pero é o ollo? Que pasa co ollo?
                Pois que sigo –isto si que é tráxico– sen poder chiscalo malia a poderosa axuda de Shakespeare.