martes, 17 de abril de 2012

XXV ANIVERSARIO DO CLUB XADREZ BUEU


                Fronte á caducidade da vida, se cadra, hai que manter a vixencia dos misterios. En cada segundo, en cada hora, en cada día... caben infinitas vivencias, millóns de emocións, centos de nacementos. Sucede que case sempre este caudal desaparece na memoria efémera, pero non por iso menos fértil, dun ser humano, da persoa que o transforma en latexo vital. Hai ocasións en que a semente dun día dura case eternidades.

                O 18 de abril de 1506, o papa Xulio II coloca a primeira pedra do que habería de ser a Basílica de San Pedro, na cidade do Vaticano. Dende entón, peza a peza foise erguendo a través do talento dos seus deseñadores e do traballo, humilde e anónimo pero non por iso menos importante, dos obreiros; foise levantando como un berce de marabillas pictóricas e escultóricas.

                Moitos anos despois, tamén un 18 de abril, o Club Xadrez Bueu, disputou a súa primeira partida. Foi na vila de Caldas de Reis e tivo como protagonistas a José Gestido Villanueva, Antonio Anadón Máñez, Fernando Recamán, José Manuel Portela Pazos e un servidor. Naquelas datas, voces moi autorizadas advertíannos que, se chegásemos a durar dez anos, sería un verdadeiro milagre. Hoxe celebramos un cuarto de século coa esperanza de durar un pouco máis.

                As estatísticas certamente empobrecen a realidade e, por máis que a cuantifiquen, non a explican. Con todo non podo resistirme a colocar aquí os resultados máis salientables desta nosa pequena historia:

Campionatos:
Torneo San Roque de Vilagarcía                                              1987
Primeira División Galega                                                            1994
3ª División Galega (Equipo B)                                                   1994
Torneo das Letras Galegas                                                          1994
Mellor Clube de Bueu                                                                  1994
Torneo Reis de Moaña                                                                 1995
Copa Breogán                                                                                  1995
Segunda División Galega (Equipo B)                                      1997
Primeira División Galega                                                            1998
Segunda División Galega (Equipo B)                                      2000
Terceira División Galega (Equipo C)                                       2000
Primeira División Galega                                                            2003
2º División (Equipo B)                                                                  2005


Subcampionatos:
3ª División (Equipo B)                                                                   1991
1ª División                                                                                         1993
1ª División                                                                                         1997
1ª División                                                                                         2001
2ª División (Equipo B)                                                                   2002
2ª División (Equipo B)                                                                   2003
3ª División (EquipoC)                                                                    2003
1º División                                                                                         2009
                 
          Cada un dos case cinco centenares de xogadores federados, cada un dos máis de mil rapaces da escola de xadrez deixaron unha pegada fonda pero é imposible recollelos a todos aquí, por iso, aínda a forza de ser inxusto, colocarei aquí dez nomes como representación de todos.

ABELLEIRA, Daniel:

Campión zonal xuvenil da zona de Vigo en 1987, é un estudoso do xadrez, a súa comprensión estratéxica é moi fonda e domina como poucos a difícil arte do contraataque. Vexamos unha primorosa vitoria diante de Fernández Saavedra, cun magnífico sacrificio de dama.


                 
                ANADÓN MÁÑEZ, Antonio:

Socio fundador, o seu alcume é “a táboa de salvación” porque en moitos momentos delicados consegue puntos para os seu equipo.  Destaca polo seu xogo posicional, pola comprensión estratéxica. Vexamos a súa partida fronte a Rodríguez
               


                COSTADO DIOS, Luís:

                É opinión unánime que Luís Costado é un artista, un xogador deslumbrante e imaxinativo. Detrás da súa mente de enxeñeiro está o enxeño mesmo pero tamén a maxia que fai do xadrez unha arte. No seu historial se inclúen o campionato ex-aequo no torneo Galaecia de Ourense, o da Zona Peatonal, o do Bar Manos de O Grove, o do Torneo Caramuxo, ou exaequo o do Torneo Zonal-Provincial. Os seus sacrificios posicionais son inesquecibles como as súas vitorias diante de Spassov (un dos poucos grandes mestres que venceu a Karpov nas súas mellores horas), de Estremera, de Pérez Negro... Vexamos unha mostra desta arte, como vence a Spassov
               


                GESTIDO VILLANUEVA, José:

Foi o primeiro presidente do club. É un xogador de estilo universal pois domina a arte da defensa ao mesmo nivel co ataque, o xogo posicional e o táctico. Entre os seus logros destacan, os terceiros postos no zonal absoluto e de semerápidas, as táboas co Grande Mestre e exseleccionador da URSS, Alexei Suetín, nunhas simultáneas en Caldas de Reis ou as súas táboas co Mestre Intenrnacional Rivera no Torneo Peregrina de Pontevedra.  Como exemplo do seu nivel mostramos a súa partida diante do malogrado Dios, cun dobre sacrificio (inmortal) de torre na que convén observar as sutilezas táctica como a intercepción do bispo.


                LEMOS VIZCAYA, Tomás:
               
              Actual presidente do club, foi campión zonal xuvenil en Santiago na súa época estudiantil. O mellor do seu xogo é a comprensión posicional, a corrección e a elegancia coa que xoga. Sirva a súa partida contra Paredes, no Torneo Internacional Virxe Peregrina, como mostra.


                LÓPEZ RIVEIRO, Marcos:

A seguridade e a precisión das xogadas son as características máis salientables do seu estilo. As súas partidas son un exemplo de xogo paciente e lóxico, de exactitude, de busca da perfección. Entre os seus logros deportivos destaca o Torneo Zonal-Provincial. Vaia a súa vitoria diante da Mestre Internacional Yudania Hernández como exemplo.



                MORALES GÓMEZ, Manuel:

Non podemos dicir que Bueu fose un deserto no campo do xadrez, na barbaría de Toñito un grupo de afeccionados se divertía co xogo de Caïsa, ademais os mestres Manuel Conde e Manuel Omil desenvolveron unha importante labor de divulgación deste deporte. Con todo, o doutor Morales, catedrático de matemáticas dun instituto leonés, organizou uns importantes torneos no Círculo Náutico que permitiu aos rapaces da vila enfrontarse con rivais de alto nivel e mellorar así o seu. Morales é, ademais, un forte xogador, cheo de enxeño capaz de empatar unha partida simultánea co futuro campión mundial Veselín Topalov ou gañar unha partida a campioa de España en exercicio Nieves García.

RIVAS MARIÑO, Diego:

Este antigo subcampión zonal-provincial alevín é un amante do risco e das combinacións espectaculares, sabe colocar as pezas no lugares máis axeitados,


                SANTACLARA RODRÍGUEZ, Ramón:

Posiblemente o seu campionato galego xuvenil sexa un dos cumes dos resultados do club, ademais foi elixido mellor deportista de Bueu en dúas ocasións, gañou o Torneo Peón de Ouro na categoría xuvenil, o Torneo Ibérico en Coimbra, o San Miguel, o Virxe do Carme ou o Memorial Benito Sánchez entre outros.

                Destaca pola súa tenacidade, pola comprensión profundísima da arte da defensa e da profilaxe. Del dixo o M.I. Boris Zlotnik, un dos mellores adestradores do mundo, que tiña unha capacidade fóra do común para comprender as peculiaridades das estruturas de peóns. Vexamos a súa vitoria diante de Pérez Fungueiro no campionato galego xuvenil.




               Compre reseñar que Ramón foi o segundo presidente do club.


             TORRE ALFONSO, Jesús de la:

3º presidente do club é un táctico excelso, o seu cerebro é un bule bule de ideas. Ten a habilidade de converter o taboleiro nun campo de minas a cada instante. A súa vitoria en simultáneas diante de Graf, campión europeo en exercicio, pode ser dos momentos máis salientables. 

               Este exemplo que temos a continuación é un exemplo como xa mesmo dende a apertura non deixa de plantexar enormes problemas aos seus adversarios.



                 Permítame o amable lector compartir unha produción propia, non é a mellor partida, nin a máis importante, tráioa aquí por ser a conmemoración dun nacemento, xogueina aos poucos días de nacer o meu primeiro sobriño, e hoxe é un símbolo de que a este club lle faltan moitos nacementos que celebrar.

              


Por último quero traer celebrar a alegría, a alegría de moitos momentos e que mellor que unhas viñetas de Luís Davila para iso. As viñetas foron dedicatorias que este extraordinario debuxante e artista me fixo das súas recompilacións do Bicheiro e están reproducidas co permiso do autor. Queden aquí as miñas palabras de agradecemento.